O 23 de novembro de 1982 tres deputados -Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido-, eleitos pola candidatura Bloque Nacional-Popular Galego-PSG, eran expulsados do Parlamento de Galiza por se negar a xurar a Constitución española e defender os dereitos nacionais de Galiza. 35 anos despois, o BNG presenta o avanzo dun documentario no que se fai memoria dun feito político sen precedentes do Estado español.
O vídeo está concibido como un acto de denuncia e de recoñecemento político aos seus protagonistas, “precisamente nun momento de involución democrática no conxunto do Estado, marcado polo recorte de dereitos e liberdades, -tanto individuais como dos pobos-, e de criminalización das ideas políticas que non encaixan no status quo do actual marco institucional”, indican desde o BNG.