luns 24.02.2020

75 aniversario da liberación de Auschwitz: Os galegos presos e asasinados nos campos de exterminio nazis

O 27 de xaneiro de 1945 o Exército Vermello liberaba o campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, no sur de Polonia. Desde 2007 nesa data conmemórase o Día internacional en memoria das vítimas do holocausto. Unha data para ter presente o horror dos campos de exterminio nazis onde foron asasinadas millóns de persoas. Entre elas, máis dun cento de galegos: en Mauthausen, Dachau e Sanhsenhausen.

Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).
Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).

“En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”. Afirmábao no verán de 2016 en conversa con Sermos Galiza Heladio Anxo Fernández, coordenador dunhas xornadas en Monterrei en homenaxe ao seu veciño Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria). Varios centos de galegos e galegas pasaron polos campos de exterminio nazis. Principalmente Mauthausen-Gusen, mais tamén houbo galegos e galegas en Dachau (onde se facían experimentos cos prisioneiros) ou Sanhsenhausen, onde foron asasinadas máis de 30.000 persoas.

O 27 de xaneiro conmemórase O Día internacional en memoria das vítimas do holocausto. A data elexida é a da liberación de Auschwitz, o 27 de xaneiro de 1945 polo Exército Vermello. “A primeira patrulla rusa veu o campo no mediodía do 27 de xaneiro de 1945...”. Así lembraba Primo Leví en ‘A Tregua’ o inicio do que ía ser a liberación deste campo de exterminio situado en Polonia e cuxo nome pasou resumir o horror do inferno nacional-socialista.

A Pobra, Bueu, As Nogais, Baltar...

Mauthausen-Gusen foi o principal destino para os galegos que acababan nos campos de concentración. En 1943 foi clasificado como de ‘categoría III’, o que supuña moita maior severidade e castigos. No seu tempo tivo a mortalidade máis alta de entre os campos do III Reich. En 1942 había alí 14.000 presos, En 1945, en Mauthausen e subcampos, 84.000. Tamén galegos. Os prisioneiros eran empregados como man de obra para traballar en condicións escravistas na canteira de granito.

Segundo ‘Triángulo azul: los republicanos españoles en Mauthausen 1940-45’, nese campo morreron 102 galegos. Segundo o rexistro no Boletín Oficial do Estado publicado en agosto de 2019, 108. A maior parte deles, segundo os arquivos, de cidades, vilas e aldeas da provincia da Coruña (42 mortos): Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Fisterra, Malpica, Mugardos...  Da provincia de Lugo, 21 mortos nese campo (presos orixinarios de localidades como As Nogais ou Viveiro, por exemplo). Outras 21, de Ourense (Baltar, A Veiga...). Un total de 18, da provincia de Pontevedra, de vilas como Bueu, Carril, Vilagarcía ou cidades como Vigo. A morte axexaba de todos os xeitos posíbeis aos republicanos alí presos: rebentados polo duro traballo inhumano na canteira, fusilados, afogados, colgados ou mallados a paus.

Os republicanos comezaron a chegar a ese campo de concentración en 1940. En abril de 1941, segundo as listaxes, rexístranse as primeiras mortes de galegos. José Fidalgo (Castiñeiras-Ribeira) e Francisco Varela (Vilagarcía). En febreiro de 1945, poucos meses antes da liberación deste campo, falecía Arturo Gómez, de Pontevedra.

Dachau: o laboratorio dos experimentos con humanos

Mais non só en Mauthausen foron asasinados presos galegos. En Dachau, perto de Munich e dirixido por T. Eicke, e onde se levaron centos de experimentos con [email protected]; tense constancia de no mínimo 2 galegos que perderon alí a vida: Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto Fernández Cid (Augasantas). Por Dachau pasaron 200.000 prisioneiros de 30 países. No campo de Sanhsenhausen (Brandenburgo) morreu o veciño de Vilaboa Antonio S. Nogueira. En Sanhsenhausen –onde, entre outros, estivo preso Largo Caballero, presidente do goberno na II República española- foron asasinadas por volta de 30.000 persoas.

Perto de 9.000 republicanos, entre eles centos de galegos, foron deportados a Alemaña. Sobreviviron pouco máis de 2.000. 

75 aniversario da liberación de Auschwitz: Os galegos presos e asasinados nos campos de...
comentarios