Monterrei homenaxea o seu veciño Joaquín Balboa, preso nº3833 no campo nazi de Mauthausen

Joaquín Balboa, natural de Estevesiños, foi un dos galegos que pasaron polo campo de concentración austríaco, onde morreron 102 compatriotas. Será declarado fillo predilecto de Monterrei no marco dunhas xornadas sobre exilio e deportación.

mauthausen

Monterrei vai lembrar e homenaxear este mes de agosto a Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria), onde estivo entre 1943 e 1945. O seu compromiso político e os propios avatares da vida levaron a este perruqueiro de profesión a dar nun dos complexos de exterminio postos en marcha polo nazismo, logrando sobrevivir e chegar a Barcelona, onde viveu durante décadas antes de retornar á súa aldea natal, onde finou en 1994. Monterrei quer renderlle homenaxe e vaino facer mediante unhas xornadas e un acto institucional, que decorrerán a comezos de agosto.

A homenaxe institucional terá lugar en Estevisiños o 6 de agosto. Alí procederase a declarar Joaquín Balboa fillo predilecto de Monterrei e a inaugurar un monumento conmemorativo. Haberá intervencións (entre elas, de representantes de Amical, a principal asociación española de represaliados polos nazis), lectura de poemas e actuacións musicais.

Xornadas

Con anterioridade terán lugar unhas xornadas sobre exilio e deportación. Haberá proxeccións de documentais e palestras sobre os galegos nos campos de exterminio e das mulleres recluídas nos campos de concentración. No marco destas actividades terán lugar tamén exposicións e outras actividades.

Uns 300 galegos pasaron por Mauthausen, onde os prisioneiros traballaban de sol a sol e en condicións infrahumanas na canteira. Segundo datos da asociación Amical, 102 galegos morreron neste campo. 

Comentarios