Xustiza

Unha vitoria para o galego nun xulgado de Vigo: "Pode pedir un tradutor"

A lingua propia usouse nun xuízo malia os intentos dunha parte de que non fose así.

Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)
photo_camera Cidade da Xustiza, en Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)

A situación do galego na xustiza non é precisamente para tirar foguetes. Nin o seu uso nas sesións nin a súa presenza en escritos e documentos están en consonancia co que debería de corresponder á lingua propia e unha das dúas linguas oficiais de Galiza. De aí que garantir presenza e espazo para o galego na xustiza, por anecdótico que poida parecer. sexa sempre un paso adiante.

Sábeo ben Elsa Quintas, avogada e persoa comprometida co idioma. Ela propia ben de narrar nas redes sociais o que lle sucedeu nun xuízo en Vigo, onde houbo unha tentativa pola parte contraria de que non usase o galego. Quintas comenta en conversa con Nós Diario que ese tipo de comportamentos como o que ela afrontou nese xuízo “non é algo habitual”. Mais acontece.

E que aconteceu? Un xuízo en Vigo, onde ao principiar Quintas o interrogatorio da parte contraria esta espétalle un “¿Me puedes preguntar en castellano, por favor?”. A avogada respondeu: “Non, pero pode pedir un tradutor”.

“Descolocada pola miña negativa, ela mira para a súa avogada, pedindo instrucións da estratexia. O xuíz fai siloxismos estraños para declinar pedirlle un tradutor: “...si ambas saben los dos idiomas y si ambas lo hablan...”, indica.

Ela apunta a que a interrogada entendía o galego e consideraba que a súa petición respondía a unha estratexia, e non porque non entendese o idioma. De ser este suposto, non tería inconveniente en cambiar. “Xa me pasara unha vez algo parecido nun xuízo en Ourense e daquela responderían que faría as preguntas máis amodo”.

“Se unha das partes alega indefensión por non coñecer o idioma, ten dereito a un tradutor”, indica esta avogada. Mais este, apunta, non era un caso desecoñecemento. “A avogada contraria aproveita para armar barullo con estupideces como “ya está bien de imposición lingüística” e outras que xa esquecín. A interrogada afirma que non contestará ás miñas preguntas pero faino a medida que llas vou formulando. Demostra que comprende o galego e que todo fora unha pantomima orquestrada coa súa avogada. Isto está todo gravado. Non invento nada”.

O último informe do Comité de Expertos que avaliaba o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas é de 2019. En base a este documento, o Comité de Ministros do Consello de Europa realizou catro indicacións directamente referidas á lingua galega. Unha delas pedía modificar  Lei Xeral do Poder Xudicial para garantir que se poida usar a lingua galega nos procesos xudiciais.

Na Administración de Xustiza o uso do galego "segue sendo potestade ou opción voluntaria de xuíces, fiscais, etc. sempre que ningunha das partes invoque indefensión", sinálase no informe que recentemente A Mesa entregou ao Comité de Expertos sobre o cumprimento nestes 5 anos desa recomendación.

A isto engádese que "a falta de medios reais e verdadeiros en lingua galega nos Xulgados limita a acción normalizadora tanto de funcionarios como de xuíces" e que hai unha vulneración dos dereitos lingüísticos, pois "a cidadanía non pode exercer o seu dereito para elixir a lingua do procedemento en ningunha das súas fases".

Comentarios