Coñeces 'Vacaloura', o xogo con máis de 2.000 preguntas en galego?

A empresa galega OzocoGZ está a presentar o seu novo xogo de preguntas en galego, Vacaloura, dispoñíbel a partir de hoxe a través da súa páxina web, e da segunda feira na súa tenda física do Carballiño. OzocoGZ, un proxecto de deseño galego e en galego, vende camisetas, libros, música, materiais de papelaría e, desde 2018, tamén xogos.
 
O creador de OzocoGZ, Eladino Cabanelas, co novo xogo en galego 'Vacaloura'.
photo_camera O creador de OzocoGZ, Eladino Cabanelas, co novo xogo en galego 'Vacaloura'.

O proxecto de OzocoGZ, liderado por Eladino Cabanelas, recibiu onte o seu novo xogo, Vacaloura, unha nova proposta lúdica que xa está á venda a través da súa páxina web. “Vimos que un dos problemas aos que nos enfrontamos é o do idioma”, explica Cabanelas a Nós Diario, e que “as preguntas con máis éxito dos nosos xogos anteriores eran as relacionadas coa lingua e a literatura galega, sobre todo entre o profesorado, polo que decidimos crear un xogo expresamente sobre o noso idioma”. 

Xogar en galego

O creador de OzocoGZ indica que Vacaloura é un xogo de preguntas cun formato similar ao do Trivial, pero centrado en cuestións lingüísticas do galego. “Hai que ir contestando unha serie de preguntas até chegar ao centro do taboleiro para gañar”. A proposta conta con 500 tarxetas que recollen un total de 2.000 preguntas e arredor de 6.000 palabras diferentes sobre léxico galego. Cabanelas sostén que “pensamos moito sobre como enfocar o xogo para que non resultase moi técnico ou aburrido”, polo que “as preguntas tratan de ser o máis divertidas posíbeis”. 

Con todo, segundo explica o creador, “por desgraza moitas delas están enfocadas desde o castelán, pois sabemos que as novas xeracións non teñen moito contacto coa lingua e, en xeral, todas as persoas”, independentemente da idade, “estamos moi contaminadas polo castelán”. Desta forma, unha gran parte das preguntas sobre léxico de Vacaloura parten do termo en castelán xunto a unha explicación da palabra a adiviñar en galego, que maioritariamente son verbas que se están a perder.

O nome do xogo tamén ten que ver coa promoción do idioma, finalidade principal deste, pois “as vacalouras son uns animaliños que, ademais de seren moi simpáticos, teñen un nome que non se entende fóra da Galiza” e, ademais “están en perigo de extinción, como tamén o está, por desgraza, a nosa lingua”.

A finalidade de 'Vacaloura'

Por todo isto, o xogo presenta dous obxectivos claros. Por unha parte, “a normalización do idioma, que debe pasar polo tempo de lecer, e o xogo é algo fundamental”; e por outra “a mellora da lingua”. Segundo explica Cabanelas, “cremos que é un xogo que pode funcionar moi ben nos niveis educativos de Infantil, Primaria, ESO ou mesmo Bacharelato” así como “nas escolas oficiais de idiomas e, por suposto, nas casas”. 

Este tipo de iniciativas resultan fundamentais á hora de dinamizar o galego, sostén. “Por sorte vexo que cada vez hai máis empresas que están a apostar polo idioma desde ámbitos moi diferentes” e resulta "necesario que a normalización da nosa lingua pase por todos os eidos”. Conclúe o creador de Vacaloura, que “esa normalización debe ser cousa nosa, pois somos nós quen debemos apostar por produtos galegos”.
 

Comentarios