Exixen poder empregar o galego na UNED

Dereitos lingüísticos.
Exame na UNED
photo_camera Exame na UNED nunha imaxe de arquivo

Neste mes de xaneiro van ter lugar na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) os exames do primeiro cuadrimestre do curso 2021-2022, e van realizarse tamén nos diferentes centros espallados por toda a Galiza.

As alumnas e os alumnos que acudan a realizar as probas só poderán ter acceso ao exame en español e, de realizar igualmente o exame en galego deberán afrontar diversos trámites posteriores para lograr a súa adecuada corrección. 

Diante desta situación, o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno español garanta o dereito das e dos estudantes a poder facer os exames desta universidade pública das distintas materias de graos e mestrados en galego, cando menos naqueles que teñan lugar nos centros asociados sitos na Galiza.

Aliás, Rego reclama que a páxina web e o resto de materiais didácticos desta intitución poidan estar accesíbeis tamén en galego, e non só en español e inglés, como na actualidade. 

O BNG urxe aplicar a Lei de Normalización Lingüística 

"A Lei de Normalización Lingüística non se está aplicando, toda alumna ou alumno da UNED na Galiza debera ter garantido o seu dereito para poder realizar os seus exames en galego" explicou o deputado do BNG. Porén, ese dereito non se recoñece.

"Os exames están dispoñíbeis, así como todo o material didáctico previo, unicamente en español, e nas distintas normativas que regulan o desenvolvemento dos exames nin tan sequera se menciona a posibilidade de realizalos en galego", apuntou Rego. 

Por este motivo, en opinión do nacionalista, “o Goberno español ten que tomar todas as medidas necesarias para que tamén os materiais didácticos e os contidos das materias estean dispoñíbeis nas diferentes linguas".

Comentarios