A rúa Menorca de Lugo estrea o seu "paseo da fama" coas palabras do ano galegas

O concello de Lugo presentou o seu paseo da fama das palabras do ano galegas. 
M. Ferreiro, V. Freixanes, V. Árias , R. Arroxo e M. González. (Foto: Concello Lugo)
photo_camera De esquerda a dereita, Ferreiro, Freixanes, Árias, Arroxo e González, no acto de hoxe. (Foto: Concello de Lugo)

O concello de Lugo xa conta co seu propio “paseo da fama”, mais no canto de estrelas de cine está dedicado ás palabras estrelas do galego. 

Na xornada de hoxe, o alcalde lucense en funcións e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, presentaron na rúa Menorca as distintas palabras que conforman este paseo.  

Nesta rúa peonil moi transitada da cidade lucense instaláronse as palabras do ano escollidas desde 2014 até 2020, entre elas, Nós, refuxiados ou afouteza.

As pezas están "inxeridas no pavimento e utilizouse un material duradeiro que permita unha visibilidade sinxela do termo e o ano no que foi escollido", explicaba Arroxo.

O rexedor en funcións afirmou que “con esta iniciativa queremos seguir coa mellora da imaxe da cidade ao mesmo tempo que pomos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega", sostiña Arroxo. Ademais, engadiu que “seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada” e que “o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras pasan a formar parte do idioma, xa que sintetizan parte da realidade de cada época”, salientaba Arroxo.

Seis palabras desde 2014

Esta iniciativa xorde no ano 2012, cando a RAG e a Fundación Barrié asinan un convenio de colaboración en materia de lexicografía para modernizar os sistemas de investigación, acometer novos traballos, elaborar aplicacións e promover o Portal das Palabras. Neste último espazo é onde se escolle por votación popular a palabra do ano desde 2014. 

Desde ese momento, son seis as escollidas como palabra do ano: corrupción (2014), refuxiados (2015), irmandade (2016), afouteza (2017), deseucaliptización (2018), sentidiño (2019) e Nós (2020).

A última seleccionada alcanzou 3 de cada 10 votos emitidos e veu da man da celebración do centenario da xeración Nós. Nesa edición de 2020, os termos "Sesteiro", en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro; "gromo", aceptación que incorporou a Real Academia Galega en 2020 que refire á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar; "pandemia", "máscara" e "vacina", completaron a lista de seis finalistas á palabra do ano en 2020.

Comentarios