Palabras con memoria: Maquinarias

Repartidor en motocicleta da plataforma de Glovo traballando polas rúas durante a pandemia da Covid-19 (Eduardo Parra / Europa Press).

afurruxar.- Cubrirse un metal de óxido ou de ferruxe.

Exemplo.- “Es ben badanas, oh, sempre tes as ferramentas todas afurruxadas.”

Lugar de escoita.- Sober.

Fonte.- Ramón Sandoval.

chiribico.- (Ademais de significados xa rexistrados) Aspersor.

Exemplo.- “Hai que poñer o chiribico para regar o millo.”

Lugar de escoita.- Santo André de Cesar (Caldas de Reis).

Fonte.- María Cristina Fontenla González.

Outros apuntamentos.- Centro de Día de Portas.

fotelo/futelo.- Aparello que serve para comunicarse a distancia, teléfono. Tamén se chama tutelo.

Exemplo.- “Á tardiña douche unha chamada polo futelo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Josefa Cerqueiro.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

terrulo.- Tipo de muíño que funciona coa enerxía da auga.

Exemplo.- “Onte estiven a moer no terrulo.”

Lugar de escoita.- A Coruña.

Fonte.- Martín Villamarín Bello.

virandelo.- Pequeno muíño coas aspas de papel, xoguete. Utilízase tamén para referirse aos muíños eólicos.

Exemplo.- “Encheron o monte de virandelos.”

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota.

Fonte.- Mar Llinares García.

zambucho.- Espazo que se atopa debaixo do asento das motos e que se empega para gardar cousas como a documentación do vehículo ou un casco.

Lugar de escoita.- Sanguiñeda, Mos.

Fonte.- Alexandre Coia.

Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

Comentarios