Palabras con memoria: onomatopeiando

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

'Mica' é un apelativo para chamar as ovellas e reunilas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Mica' é un apelativo para chamar as ovellas e reunilas. (Foto: Nós Diario)

aguch.- Termo que se empregaba para animar ás vacas a beber. Dicíase dúas veces: "Aaguch-aaguch", alongando o primeiro a.
Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).
Fonte.- Lucas Rigueira Rey.

buñi, puch!.- Exclamación empregada coas vacas, ao tempo de pasarlles a man por riba dos cadrís, cando se desconfía que estean en celo. Se a vaca se pandaba, era sinal de que estaba quente. Alongando o primeiro u.
Exemplo.- “Mareliña, buuñi, puch!... Oíu, meu pai, a vaca está quente, hai que levala ao boi.”
Lugar de escoita.- Carbeiral-Bardaos (San Sadurniño).
Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro.

mica, miquia.- (Ademais de significados xa rexistrados). Ovella. Apelativo para chamar as ovellas e reunilas.
Exemplo.- “Miquiña, vén, toma.”
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

sion.- Aturuxo que se lle dá ás vacas cando andan en celo para que se tranquilicen.
Lugar de escoita.- Fiopáns-A Baña (A Coruña).
Fonte.- José Antonio Liñares.

urria.- Voz para chamar as ovellas.
Lugar de escoita.- Ferreirós de Arriba (O Courel).
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Comentarios