Palabras con memoria: animalingua

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
"Teño un can que ten a pata clonca e coxea". (Foto: Nós Diario)
photo_camera "Teño un can que ten a pata clonca e coxea". (Foto: Nós Diario)

arrecadén.- (Ademais doutros significados) Parella de bois ou vacas enganchada á traseira do carro, que serve de freo nas baixadas.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

chivar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Acción de devolver o becerro ao cortello logo de levarllo á nai a mamar.
Exemplo.- “Josiiiñooo, chiva o becerro que vai secar a vaca!”
Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño).
Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro (X. Ortigueira).

clonco/a.- Ferido/a, en mal estado.
Exemplo.- “Teño un can que ten a pata clonca e coxea.”
Lugar de escoita.- Pedrafigueira (Carnota).
Fonte.- Irene González Rodríguez.
Outros apuntamentos.- Enviada por María Luz Barreiro Otero.

fachado/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise do cabalo ou da egua que ten na fronte un sinal máis ou menos ancho ou alongado de cor branca.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.
Outros apuntamentos.- Supón o apuntador que a palabra virá dunha asociación co lume e derivará de facho, o que fai que teña un significado semellante ao que se lle dá en inglés (blaze) ao animal con esas características.

quizo.- Almaio, becerro pequeno.
Lugar de escoita.- Vilouzán (Láncara).
Fonte.- Suzana do Páramo.

Comentarios