Palabras con memoria: letalidades

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Gorgolo é unha forma de definir o derradeiro estertor. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gorgolo é unha forma de definir o derradeiro estertor. (Foto: Nós Diario)

achumbeirar.- Morrer, aínda que se adoita empregar cando se produce de repente.
Lugar de escoita.- Sta. Euxea - Guntín (Lugo).
Fonte.- Elisa Lama Mourenza (por medio de Mª Xesús Lama López).

gorgolo (da morte).- Estertor derradeiro.
Lugar de escoita.- Campelo (Poio).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
Outros apuntamentos.- A fonte sinala que adoita pronunciarse con gheada.

patanexo.- Leva o que se perde, incluso o que morre.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Isidro Novo.
Outros apuntamentos.- Terá que ver co demo?

patexo (1).- (Á marxe de significados marisqueiros) O mesmo que patanexo.
Lugar de escoita.- A Terra Chá.
Fonte.- Baldomero Iglesias Dobarrio.

porteiro/a.- (Ademais de significados obvios) Figura sobrenatural que se personifica no último defunto do cemiterio parroquial e que será substituído cando chegue outro.
Exemplo.- “Queda de porteiro mentres non morre outro.”
Lugar de escoita.- San Martiño de Vilaboa (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
Outros apuntamentos.- Sinala a fonte que hai a crenza (estendida por todo o occidente europeo) de que estar moito tempo como porteiro/a significa que o defunto/a foi en vida ruín e malvado/a, polo que estaría penando ese tempo de agarda. A brevidade ou demora suscita ditos...

Comentarios