Palabras con memoria: formas de ser... e estar

Nova edición de 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Chámase contiqueiro ou contiqueira a quen gusta de andar sempre criticando e contando cousas dos demais. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Chámase contiqueiro ou contiqueira a quen gusta de andar sempre criticando e contando cousas dos demais. (Foto: Nós Diario)

andar ghicho/a.- Aplicado a persoas, que está moi atenta/o e anda moi tesa/o, como se se crese moi importante.
Exemplo.- “Para traballar todo o mes nada, pero para cobrar a primeiros andas ben ghicho.”
Lugar de escoita.- Sur de Pontevedra.
Fonte.- Patricia Blanco.
Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

ataúlfo.- Dise daquela persoa que é pouco espabilada. Sinónimo de parvo ou bobo.
Lugar de escoita.- Sargadelos (Cervo).
Fonte.- Isabel Echevarría Fernández (avoa de Roi Martínez Enríquez).
Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

batoenon.- Dise dun/ha neno/a moi traste, que non aprende.
Exemplo.- “Este desghraciado, batoenon.”
Lugar de escoita.- Corme.
Fonte.- Vocabulario cormelán.
Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme. Parece unha palabra en euskera, traída quizais de Trintxerpe.

cirigonxas.- Parvadas.
Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.
Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.

contiqueiro/a.- (Adxectivo e substantivo) Que gusta de andar sempre criticando e contando cousas dos demais, contomiñeiro.
Lugar de escoita.- Melide.
Fonte.- Henrique Harguindey.

Comentarios