O galego, á cola do Estado español en recursos tecnolóxicos

Unha rapaza emprega o seu teléfono móbil. (Foto: Nós Diario)
Un estudo observa unha tendencia das grandes empresas do sector consistente en "reducir os seus esforzos" en desenvolver tecnoloxías específicas para linguas minoritarias, así como a falta de interese por estes idiomas en estratexias nacionais como a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2020.

O galego está á cola das linguas do Estado español en canto a recursos e aplicacións tecnolóxicas, segundo o proxecto European Language Equality (ELE), financiado pola Unión Europea e coa participación de 52 entidades, entre elas a Universidade de Vigo (UVigo).

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, da UVigo, foi o encargado de analizar a situación do noso idioma en canto a recursos, servizos e comunidades de falantes.

Segundo o informe presentado por este centro da UVigo, "hai poucas aplicacións de sínteses e de recoñecemento de voz, corrección  ortográfica e gramatical e tradución automáticas". Por tanto, hai "un baleiro importante" en canto a recursos multimedia adecuados para desenvolver aplicacións "tan importantes no mundo actual como os axentes conversacionales por voz de última xeración".

En comparación con outras linguas do Estado español, a diferenza "é crítica" en canto a recursos e servizos relacionados con datos multimedia e no ámbito da saúde, posto que os xa existentes "son pobres en diversidade e pequenos en tamaño", engade o estudo.

O galego pode quedar fóra de revolución dixital

Segundo o estudo, o "maior perigo" a curto prazo desta situación é que, se non se reverte, o galego pode quedar fóra da revolución que o big data e a intelixencia artificial está a provocar en moitos sectores estratéxicos por falta de recursos para aplicalas.

No lado oposto están as bases de texto de gran dimensión, onde o galego ten "boa presenza" cuns servizos en "unha fase máis madura".

O informe tamén apunta, como aspecto positivo, á páxina web da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), pola produción de contidos multimedia. Do mesmo xeito, tamén hai un número crecente de diarios locais dixitais en galego.

Software e redes sociais

En canto a software e redes sociais, aínda que algunhas firmas ofrecen versións en galego, moitas outras como TikTok, Twitch e Adobe utilízano en versión beta ou, como Twitter, con menor apoio.

Neste contexto, hai unha "falta extrema de apoio" ao idioma propio en asistentes virtuais como Alexa, Siri, Google Assistant e Cortana.

Nos últimos anos, desenvolvéronse varios produtos e servizos para a incorporación do galego nas TIC como o portal da Real Academia Galega (RAG), o tradutor Gaio e a web da Xunta.

Con todo, o estudo observa unha tendencia das grandes empresas do sector consistente en "reducir os seus esforzos" en desenvolver tecnoloxías específicas para linguas minoritarias, así como a falta de interese por estes idiomas en estratexias estatais como a Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2020.