Nace o primeiro dicionario de mulleres lexicógrafas de linguas de todo o mundo

Filólogas da USC en colaboración co ILGA lanzan unha ferramenta en liña
O dicionario 'Mulleres na lexicografía' é un proxecto colaborativo e bilingüe en galego e inglés. Foto: Nós Diario
photo_camera O dicionario 'Mulleres na lexicografía' é un proxecto colaborativo e bilingüe en galego e inglés. Foto: Nós Diario

O proxecto Mulleres na lexicografía, dirixido pola investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILGA) e coordinadora do mestrado Erasmus Mundus en Lexicografía da USC, María José Domínguez, recibiu en 2023 o primeiro premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación que outorga a universidade compostelá.

A iniciativa é resultado da experiencia docente de María José Domínguez no mestrado que dirixe ao carón dun alumnado multilingüe, nomeadamente procedente de fóra de Europa. No marco da materia Selección de problemas do dicionario, da lexicografía e da investigación de dicionarios, "decatámonos de que sabiamos moi pouco das súas tradicións lexicográficas. En moitos casos non eran quen de darme o nome dunha lexicógrafa do seu país e noutros observamos situacións interculturais moi curiosas, como o feito de que sempre fose un home o que figura en primeiro lugar á fronte dun proxecto".

María José Domínguez identificou un baleiro que axiña pensou en desbaratar coa axuda dos estudantes que cursan o mestrado en Lexicografía e o acompañamento de María Álvarez de la Granja e Elisa Fernández Rey, do ILGA.
"Propúxenlles deseñar desde o principio un dicionario de lexicógrafas, un traballo de lexicografía no que recoller o nome e o labor desenvolvido por mulleres lexicógrafas". A iniciativa botou a andar o curso pasado e continúa na actualidade, enriquecida polas achegas de alumnado procedente de Nixeria, Taiwán, Casaquistán, Palestina, Armenia, Ucraína, México, Costa de Marfil, Italia...

"Desde o primeiro momento contamos coa colaboración do ILGA para montar unha plataforma en liña na que recoller todas as entradas. Quixemos que fose un proxecto da cidadanía, para a cidadanía e colaborativo". De feito, engade Domínguez, calquera persoa do mundo pode inscribirse e subir un perfil que o seu equipo supervisa e publica nunha edición bilingüe en galego e inglés. "Consideramos que esta escolla non deixa de ser unha contribución social á visibilización do galego, ao que sumamos o inglés como unha das linguas do mestrado, xunto ao alemán, e unha das máis faladas no mundo".

Hoxe nestes dous idiomas pódense consultar os perfís de  lexicógrafas duns 25 países que analizaron unhas 40 linguas de todos os continentes. En cada entrada, ademais do seu nome pódese consultar o seu estudo lexicográfico, obras e publicacións relevantes, premios recibidos e outras cuestións de interese.

Nese listado figuran os nomes de María Moliner, autora do Diccionario de Uso del Español; Paz Battaner, membro da RAE, Kathrin  Kunkel-Razum, directora da editorial alemá Duden; Jana Luther, especializada en linguas africanas, ou os de Maa-Neu Dong e Ann Hui-Huan Chang, "falantes nativas de Yami/Tao, unha lingua ameazada que se fala en Taiwan que se esforzan por preservar".

En palabras de María José Domínguez, están a reunir "un tesouro que aínda non chegara a sociedade" e que busca afastarse do "europacentrismo". "Fóra tamén se fan cousas excepcionais e poucas veces as temos en conta".
Tamén as mulleres contribúen a traballos excepcionais en lexicografía, "que son parte fundamental dos equipos, autoras principais do traballo, mesmo, malia figurar detrás dun director, home".

"Unha lingua sen dicionario non será considerada oficial"

A Lexicografía considérase unha ciencia ou práctica cultural e lingüística que, lembra María José Domínguez, "se encarga de desenvolver dicionarios, enciclopedias ou calquera recurso de consulta sobre o léxico". Mais coa irrupción das humanidades dixitais, a lexicografía deu un xiro que a mantén conectada con outras disciplinas como a lexicoloxía, a sociolingüística, a semántica, a estadística ou a informática. A Lexicografía moderna, engade, tamén atende o manexo dos dicionarios. "Calquera lingua que teña un dicionario pode considerarse lingua oficial, as que non o teñen é difícil que gocen desta distinción", conclúe María José Domínguez.
 

Comentarios