A Mesa denuncia que o Poble Espanyol continúa a deturpar a toponimia galega

Xunto ás formas galegas, as únicas legais, na web do museu continúan a aparecer topónimos deturpados, en español. Poble Espanyol modificou a nomenclatura -antes só aparecían en castelán- após Sermos Galiza ter publicado unha información ao respeito. Mais a deturpación continúa.

poble espanyol
photo_camera Entrada do Poble Espanyol

A Mesa de Normalización Lingüística vén de denunciar a deturpación que o Poble Espanyol continúa a practicar coa toponimia da Galiza. O pasado 4 de xaneiro Sermos Galiza publicou unha nova na que se informaba de que a web do Poble Espanyol non estaba a respeitar os topónimos galegos, xa que non aparecían na súa formal orixinal e, polo tanto, a única legal. 

Sermos púxose en contacto co museo arqueolóxico e, a raíz desa chamada, modificaron a web. Con todo, lonxe de aterse á legalidade e respeitar a toponimia da Galiza, o que fixeron foi optar por unha solución bilingüe, fóra da legalidade, así aparecen formas como "Calda de Reyes" ou "La Coruña". Por tanto, continúa a existir unha deturpación da toponimia galega por parte do museo. A Mesa sinala que o ano pasado un cidadá galego tamén se dirixiu ao Poble Espanyol para protestar pola deturpación que se estaba a facer da toponimia galega e a resposta que recibiu foi que o solucionarían en breve. 

Poble Espanyol

É un museo arquitectónico ao aire libre situado na montaña de Montjuïc, na cidade de Barcelona. Foi construído en 1929 por mor da Exposición Internacional de Barcelona, coa vontade de concentrar nese local un espazo que reflectise a diversidade do Estado. O Poble Espanyol, en tempos unha institución pública agora xerida por empresarios privados, oferece arte contemporánea, arquitectura, artesanía e gastronomía. O recinto está conformado por 117 edificios a escala real. Conta cunha variada programación de eventos para o público familiar e adulto, tendas, talleres, bares e restaurantes abertos cada día.

Comentarios