Queremos Galego insta a mobilizarse o Día das Letras en Compostela "polo futuro da lingua"

Desde a plataforma, que esta quinta feira presentou o acto, salientan que a situación do idioma aínda é "reversíbel", se ben "preocupan" datos actuais como que 24% da rapazada menor de 15 anos afirma non ser capaz de falar galego.
Presentación da convocatoria que Queremos Galego fai de cara ao 17 de maio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación da convocatoria que Queremos Galego fai de cara ao 17 de maio. (Foto: Nós Diario)

A plataforma social Queremos Galego fixo un chamamento esta quinta feira a participar da súa tradicional manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que decorrerá en Compostela —con saída ao mediodía da Alameda e chegada á Praza da Quintana—, co obxectivo de reclamar a "dignidade" da lingua galega. O lema que encabezará a marcha será "En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua galega".

O acto foi presentado polo portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, que felicitou a sociedade galega pola súa "perseveranza e esforzo" polos avances logrados no último ano.

Un deles, subliñou, foi a incorporación ao catálogo de Netflix de contidos en galego. Aliás, quixo destacar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) contra Facenda por negar os dereitos lingüísticos. O fallo a favor da acusación terá "efectos inmediatos" nos dereitos das linguas no cómputo global das administracións do Estado.

Un de cada catro crianzas non sabe expresarse en galego

Maceira tamén achegou varios datos da mala situación da lingua, como que menos de 1% de pólizas e sentenzas son en galego ou que só 8% das escolas infantís das cidades garanten o emprego do idioma propio do país.

A respecto desta cuestión, mostrou a súa preocupación por que 24% dos menores de 15 anos afirman ser incapaces de falar galego. Este dato é o "peor da historia do galego", precisou.

Por todo iso, Maceira comentou que a sociedade galega está "soa" na defensa do galego. Para reverter esta dinámica, Maceira advertiu da necesidade de que os gobernos abandonen a actitude de "desprezo permanente" e garantan a presenza da lingua galega "en todo e para todos".

A situación da lingua aínda é "reversíbel"

Outro aspecto que destacou Marcos Maceira son as emendas da Lei do audiovisual para garantir as cotas de contido audiovisual en galego. Malia que esta medida foi promovido desde a Galiza, a emenda manifesta que dúas das tres linguas cooficiais do Estado serán excluídas das cotas en determinados territorios.

"É unha vergoña. Non imos permitir que o recoñecemento da pluralidade lingüística no audiovisual, onde a Galiza foi quen levou o maior peso na iniciativa social, poida rematar por excluír precisamente o galego", censurou.

Se ben a actual situación "imposibilita" vivir e falar en galego as 24 horas na Galiza, Maceira é optimista co futuro da lingua. "Co esforzo colectivo da sociedade galega e das institucións, coa Xunta á cabeza, a situación do galego é reversíbel; hai futuro para a lingua galega", subliñou.

Comentarios