A lingua, un atractivo para o comercio local de Redondela

O Concello de Redondela vén de pór o ramo á campaña 'O galego suma no comercio', unha iniciativa que busca incorporar "un elemento de valor patrimonial á propia actividade económica", creando unha marca de identidade característica para o conxunto dos negocios de proximidade. 
Campaña polo comercio local, en galego, impulsada polo colectivo de empresarios o pasado ano. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Campaña polo comercio local, en galego, impulsada polo colectivo de empresarios o pasado ano. (Foto: Nós Diario).

O Goberno local de Redondela (comarca de Vigo) convocou no mes de maio unhas axudas destinadas ao sector comercial que propuñan unha tripla liña de financiamento: adecuación do local, eficiencia enerxética e publicidade. Foi nesta última na que o Servizo de Normalización Lingüística centrou os seus esforzos, animando ao uso do galego nos rótulos, carteis, webs e redes sociais. "Nas bases especificamos que, como mínimo, os comercios debían optar por unha versión en galego da súa sinalética", precisa o responsábel de normalización, Xurxo Martínez, a Nós Diario

Experiencias previas doutros municipios en Euskadi e Catalunya alentaron ao de Redondela a botar man da lei e sortear desde o inicio calquera intento de xudicialización por marxinación do castelán. "Fomentar o galego o que non pode é darlles argumentos aos outros. Hai que se eficaces, e aquí o importante é a incorporación do galego ao mundo do comercio". Á medida executiva do Concello de Redondela para integrar o galego na vida comercial da vila sumouse o interese dos pequenos negocios. "Ás veces temos certos prexuízos que se poden resumir nesa idea de que o comercio en galego non vende, pero o resultado é que de 24 solicitudes aprobadas 17 pediron a lingua galega", e das sete restantes, di, "hai algunhas que xa o teñen todo en galego".

O seu interese, advirte Martínez, pode ser puramente comercial. "Non digo que responda a unha conciencia lingüística, pero demostra que non hai unha percepción contraria á lingua".

A experiencia do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela evidencia que "se ti impulsas o galego, a xente acompaña", mais tamén demostra que os éxitos no ámbito da compravenda teñen moito que ver coa capacidade de empatía coa mentalidade dos comerciantes. "En Redondela hai quen exerce o seu compromiso coa lingua por militancia, pero tamén hai moito galegofalante que se resiste a usala no seu negocio, cando o galego é un atractivo que fai a marca distinta".

Suma máis que resta

O exemplo que fixo valer o Goberno de Redondela nos encontros que mantivo cos comerciantes locais foi o de Compostela, onde o galego ten unha presenza "moi alta". "Se a eles lles funciona, que é o lugar máis turístico por onde máis xente pasa, por que aquí non?".

De novo, Xurxo Martínez sinala os prexuízos lingüísticos. "O noso deber é promover a normalización e demostrar que iso de que a ninguén lle interesa o galego non é verdade. E a proba témola en que de 24 comercios, 17 queren expresarse en galego, nun concello situado entre Pontevedra e Vigo, onde a presión do castelán é enorme".

"Redondela é un referente para toda Galiza en canto ao fomento do galego. Por iso, estamos decididas a continuar nesta liña de medidas efectivas que afecten directamente aos veciños e veciñas", explica a alcaldesa Digna Rivas. A lingua é un valor, "que non resta nada e suma moito", afirma. "Desprezar o que temos de man sería un erro e nós desde o Concello queremos contribuír á súa incorporación en todos os sectores, sobre todo nos da actividade económica".
 

Comentarios