Francesc Marco Palau: "A Lei do Audiovisual obvia a diversidade lingüística"

A USC acolle mañá un debate  sobre a ‘Diversidade Lingüística e Lei do Audiovisual’ coa participación de Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística; Paul Bilbao Sarria, da Kontseilua; e Francesc Marco Palau da Plataforma per la Llengua. 'Nós Diario' fala con Palau sobre esta xornada.
O escritor e historiador, Francesc Marco Palau. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor e historiador, Francesc Marco Palau. (Foto: Nós Diario)

—Hoxe analiza en Compostela a diversidade lingüística e a nova lei audiovisual. Que valoración fai desta norma?

Esta lei podería ser unha ventá aberta de posibilidades pero ao final foi unha oportunidade perdida e un exemplo da falta de recoñecemento por parte das estruturas do Estado español arredor da diversidade cultural e lingüística da península Ibérica. Aínda non se entende a diversidade como unha riqueza a potenciar e a recoñecer con normalidade. Seguimos no debate continuo no que é preciso realizar novas xestións cada vez que se promove unha lei para mellorar a formulación inicial do Estado.

"Aínda non se entende a diversidade como unha riqueza a potenciar e a recoñecer con normalidade"

—Non están satisfeitos coa Lei en canto á diversidade lingüística?

Traballamos meses no relativo á lei, reunímonos con parlamentarios e asociacións nun labor moi intenso de estudo das normativas europeas sobre o sector audiovisual, e vemos que esta lei resulta insuficiente tal e como se aprobou. Simplemente o feito de que as grandes plataformas audiovisuais internacionais non teñan a obriga de cumprir a lei, pois está dirixida só ás plataformas con sede no Estado español, é o exemplo de que non responde ás necesidades do sector nin ás das linguas de cada territorio. 

Outro exemplo das carencias da lei é o referido ás porcentaxes de títulos que estas plataformas deben ofertar nas linguas cooficiais. Mentres que noutros países europeos se aposta pola produción propia, no Estado español vemos que esta porcentaxe de produción nas nosas linguas resulta ridícula. Ademais, a lei propón a achega de 1,5% dos beneficios totais das plataformas para financiar RTVE mais non as televisións locais como a TVG ou TV3 no caso catalán.

En xeral comprobamos que o marco conceptual desde o que se desenvolve a lei aprobada, en teoría, polo Goberno español máis progresista da historia, conta cunha visión uniforme do Estado español. Por moitas emendas que realizamos desde as nosas asociacións non logramos que a lei se formulase desde unha perspectiva acorde coa realidade lingüística dos nosos territorios.

—Coñece a Iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística?

Como socios da Mesa, achegamos todo o noso apoio ás iniciativas que leven adiante. Neste caso, cómpre ter en conta a importancia que supón o sector audiovisual no século XXI nun contexto demográfico de consumo cultural que mudou en gran medida nos últimos anos. 

En Catalunya realizamos un estudo sobre os usos lingüísticos nos patios das escolas e institutos para comprobar as cifras reais da transmisión xeracional do catalán nas crianzas. Atopamos que nas escolas só 35% das conversas eran en catalán mentres que nos institutos o dato descendía a 14,6%. Esta situación pode enmarcarse no sector audiovisual pois as referencias socioculturais que teñen as crianzas inflúen na lingua que utilizan. Se ven os debuxos animados en castelán, xogarán tamén en castelán.

"As referencias socioculturais que teñen as crianzas inflúen na lingua que utilizan"

—Hai unha evolución na produción infantil a nivel de potenciar o galego ou catalán?

Mentres que as xeracións anteriores si puidemos ver series e películas en catalán, de feito a dos 90 coñécese como a xeración ‘Bola de Drac’ en referencia aos debuxos xaponeses en catalán (o equivalente á Xeración Xabarín na Galiza), as actuais contan cun imaxinario audiovisual totalmente diferente marcado polas redes sociais e as novas plataformas audiovisuais.

Se Netflix, HBO, Disney ou outras plataformas non inclúen o galego, o catalán ou o euskera as novas xeracións non van ter referencias. Isto pasa pola inercia do Estado español e pola inacción dalgúns partidos políticos

A lingua, televisión e cinema, a debate

Francesc Marco Palau é un escritor e historiador catalán, doutor en Historia pola Universidade Autónoma de Barcelona. Ademais, é columnista en diversos medios de comunicación. Palau é membro da executiva da Plataforma per la Llengua e director da revista 'La Corbella'. En 2021 foi nomeado comisario do ano Palau Ferré.

Palau participa mañá nunha das diversas conferencias que decorrerán na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) nas que se abordará a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Como el mesmo indica, "o debate será un momento para que as diferentes asociacións e o sector audiovisual poidamos encontrarnos para valorar a lei tendo a perspectiva destes meses" así como para formular as estratexias que as entidades deberán seguir de cara aos próximos meses.

Comentarios