Galiza conta coa metade de estudantes de portugués que Estremadura

Un total de 4.913 estudantes teñen acceso aos estudos nesta lingua segundo os datos facilitados esta sexta feira polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que compareceu a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento. Estremadura conta con máis de 10.000.

O secretario xeral de Política Lingüística presentou no Parlamento o informe anual de seguimento desta lei para o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía (Xunta da Galiza).
photo_camera O secretario xeral de Política Lingüística presentou no Parlamento o informe anual de seguimento desta lei para o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía (Xunta da Galiza).

Case 5.000 persoas estudan portugués de forma oficial na Galiza ao abeiro das medidas postas en funcionamento pola Xunta en 2014 coa denominada Lei Paz Andrade. Seis anos despois de aprobarse, a promoción do portugués no país camiña a paso lento.

Numerosas organizacións denunciaron no seu momento a falta de profesorado para facilitar a chegada do portugués aos centros de ensino.

Datos de 2021

En concreto, Galiza conta cun total de 4.913 estudantes desta lingua segundo os datos facilitados esta sexta feira polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que compareceu a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento.

Segundo as cifras reportadas, 3.897 alumnas e alumnos de ESO e Bacharelato, pertencentes a 75 centros educativos de toda a comunidade, estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira neste curso 2021-22.

A cifra supón 482 estudantes máis que o pasado curso e un incremento de 3.036 desde que entrou en vigor dita lei en 2014.

Escolas de Idiomas e Instituto Camões

A este dato, tal e como sinalou o representante da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, súmanselle as 1.021 alumnas e alumnos que estudan lingua portuguesa nalgunha das escolas oficiais de idiomas, alcanzando un total de 4.913 estudantes da lingua veciña de forma oficial.

Ademais, dentro do marco da colaboración entre a Xunta e o Instituto Camões, este 2021 comezouse a implantar nos centros de Secundaria o programa Camões Júnior, mediante o cal o alumnado de ESO e Bacharelato pode realizar en liña o exame homónimo.  Esta é unha proba que permite avaliar a competencia global na lingua portuguesa e obter o nivel de competencia correspondente no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), desde o A1 ata o B1.

Máis de 10.000 estudantes en Estremadura

Na Estremadura, desde que en 2009 se asinou o primeiro Memorando de Entendemento con Portugal, o número de estudantes foi exponencial. En datos de 2019, e dentro do denominado Plan Portugal, 36 docentes imparten portugués a uns 8.400 estudantes de Primaria de 55 centros educativos estremeños; e o Programa de Lingua e Cultura Portuguesa, no que participan 3.200 estudantes de Primaria e Secundaria, de 25 colexios e institutos, aos que imparten clase 12 docentes portugueses. Ademais, no ensino regrado, o ensino do portugués ten un peso moi importante. Tres centros contan con sección bilingüe de Portugués.

Ademais, 82 centros educativos imparten a lingua portuguesa como segunda ou terceira lingua estranxeira. En total, nestes ensinos 10.600 estudantes estudan portugués, unha lingua que é impartida por 139 docentes. A estes súmanse os 1.660 estudantes que cursan portugués nas 9 escolas oficiais de idiomas e nas 7 aulas adscritas. Case 200 deles están a estudar este curso o nivel  C1, implantado no curso 2018/19.

Comentarios