venres 03/12/21

O galego no ensino, unha lingua secuestrada

A porcentaxe de menores de 15 anos que falan galego diminúe co paso dos anos e o profesorado advírteo nas aulas. As xeracións mais novas gozan de menos solturas coa lingua propia, nun contexto lexislativo marcado polas limitacións do ensino en galego e o incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.

O Consello de Europa vén de publicar o primeiro informe do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo Comité de expertos deste tratado internacional, ratificado polo Estado español en 2001.

O documento volve incidir no incumprimento respecto ao galego dalgún dos compromisos adquiridos tanto polo Goberno da Xunta como do Estado para garantir o seu uso tanto no ámbito da xustiza como do ensino, onde observa, de novo, barreiras "en todos os niveis educativos" que xa pedira eliminar no pasado.

Porén, hai limitacións que se manteñen e pon en perigo o coñecemento xeral do galego, que "parece diminuír", alerta o Comité de expertos. Neste sentido, advirte, só 23,9% de menores de 15 anos son capaces de expresarse na lingua propia da Galiza, unha porcentaxe que vai en aumento e que ameaza con elevar aínda máis a cifra dos que "non saben falar galego en absoluto"

Así, o informe do Consello de Europa volve censurar a política lingüística da Xunta mais a pasividade do Estado á hora de atender as súas obrigas con respecto á normalización do uso das linguas minorizadas.

No caso da Galiza incide na distribución desigual dos idiomas entre as distintas materias escolares, na escasa presenza do galego na educación infantil e na privación de recursos didácticos na lingua propia, unha realidade que contrasta co carácter bilingüe do ensino do que presume a Xunta, pero que referenda o persoal docente a través da súa experiencia.

O galego, secuestrado

Cibrán Arxibai, profesor de Matemáticas no IES Antón Losada da Estrada, asegura que "os rapaces falan cada vez máis castelán". Cada ano que pasa, esa tendencia consolídase. "O alumnado de 1º da ESO fala máis castelán que o de 2º de Bacharelato. E non é por casualidade. É resultado dunha política dirixida desde o Goberno que privilexia o castelán fronte o galego".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Para Arxibai, o Decreto do Plurilingüismo supuxo o "secuestro" do galego, especialmente nas contornas urbanas, castelanfanlantes, onde a lingua propia está "practicamente desaparecida". O que se fai, di, é impartir case todas as aulas en castelán sen que se dea "unha promoción real do galego".

O ensino segue a ser un factor castelanizador

Ademais, aclara, está a prohibición explícita de explicar determinadas materias nesta lingua, malia estar mais que demostrada a súa validez en todos os contextos da vida e da ensinanza.

É o caso das Matemáticas que se han de impartir en castelán, tanto en Primaria como en Secundaria, onde tampouco se poden dar en galego Tecnoloxía e Física e Química. "Mesmo están prohibidos os materiais. Libros, textos ou vídeos de apoio e mesmo a creación de contidos en galego. Isto, dada a situación real da lingua, é terríbel, o contrario do que se debería facer", recalca Arxibai.

Factor castelanizador

Desde o IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, Nel Vidal, profesor de Lingua Galega, tamén sinala o Decreto do Plurilingüismo como responsábel de que o galego "non sexa lingua vehicular nin estea presente en determinados ámbitos do ensino", chamado a "compensar" o uso habitual da lingua por parte da sociedade. Lonxe disto, o que se está a conseguir, destaca, "é xusto o contrario. O ensino segue a ser un factor castelanizador".

"Nos ámbitos urbanos, onde está a maioría da poboación, a realidade que constatamos é que de cada 100 rapaces e rapazas, só un ou unha fala galego habitualmente". No ámbito rural, aclara, a realidade é moi diferente, "pero a que nos ten que preocupar é a outra", onde se concentra a maior porcentaxe de poboación adolescente. 

Perda de competencias

Neste contexto, o profesorado de secundaria constata unha perda de competencias para o uso do galego que fai que o alumnado sexa cada vez máis remiso a falalo, "aínda que a contorna sexa galegofante", matiza Arxibai. "Isto antes non pasaba. Antes adaptábanse, agora séntense tan inseguros que nin sequera fan por cambiar de lingua".

En materia de competencias, Vidal defende que a maioría do alumnado "pode telas", pero "competencias plenas en igualdade de condicións que o castelán, que é o que recolle o Decreto, non as ten. E non as ten por lóxica, porque require capacidade para usala en todos os ámbitos. Se non se practica de forma efectiva, esa competencia non se dá".

Os docentes reclaman acabar coas limitacións do galego no ensino "canto antes". Urxen recursos suficientes para facer favorecer o ensino lingüístico e medidas sociais para que as crianzas atopen espazos e ámbitos de uso "cómodos" o que exixe recursos de ocio, audiovisuais e tecnolóxicos que o Goberno non está a promover, conclúen. 

O galego, condición de lingua estranxeira

"No ámbito da educación infantil, o galego está excluído de gran parte das escolas das cidades xa que a introdución paulatina da lingua onde a lexislación estabelece o uso do castelán, por ser a lingua predominante, ou non se fai efectiva ou non é suficiente, recibindo o tratamento de lingua estranxeira". Marita Bendaña, mestra no CPI Viaño Pequeno de Trazo secunda esta conclusión da Mesa pola Normalización Lingüística. "O galego está presente como lingua maioritaria no rural. En contextos urbanos, o alumnado fala máis castelán. E sen contacto co galego, cada vez menor, ten problemas até para entendelo".

O galego no ensino, unha lingua secuestrada
comentarios