A comunidade educativa demanda da Xunta “diálogo” para normalizar o galego no ensino

Colectivos docentes, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e a Mesa instan o Goberno galego a sentar a dialogar "para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa".

A mesa normalizacion propostas foto a mesa
photo_camera Comparecencia de representantes de colectivos que elaboraron a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza (Foto: A Mesa)

Diálogo para normalizar o galego no ensino. Esa é a demanda que esta quinta feira reiteraron á Consellaría de Educación colectivos docentes, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e a Mesa. "Insistiremos todo o que faga falta e esgotaremos todas a vías ata conseguir que falen con nós", aseguran desde os colectivos que elaboraron a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), a Confederación de Anpas Galegas, a Confederación Intersindical Galega - ensino (CIG Ensino), a Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e o Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG) elaboraron esta proposta conxunta para, afirman, dar solución ás necesidades detectadas polo Consello de Europa, que a finais de 2019 aseguraba que se deben "eliminar as limitacións ao ensino en galego en Galiza".

Solicitaron ao Conselleiro de Educación que se reunise con representantes destas organizacións, para poder presentarlle a proposta, pero non obtiveron ningunha resposta. "A única resposta á nosa solicitude de diálogo foron as declaracións do Conselleiro e do Presidente baseadas na mentira e na manipulación contra o recoñecemento mínimo á existencia dunha realidade plurllingüe no Estado", denunciou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. "Respecto ao Decreto", engadiu, "aínda se atreveron a sinalar este domingo que non é o mellor mais si o máis consensuado. A nosa presenza aquí demostra a falsidade".

As entidades que elaboraron esta proposta sinalan que representan a maioría do profesorado, Anpas e movementos de renovación pedagóxica e lamentan que ante a oferta de diálogo non recibiron da Xunta “máis que silencio”.

Insisten en que o Goberno galego ten que sentar a dialogar con eles para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa. "Pensa a Xunta atender as indicación do Consello de Europa que leva sinalando o mesmo 10 anos e en cada resolución con máis intensidade?", preguntábase Maceira. "Pensa facer algo en relación ao informe da ONU no mesmo sentido?", engadía, "Pensa a Xunta cumprir coa súa obriga de garantir o coñecemento de galego que todos os estudos sinalan que non se consegue?". "A única lingua oficial cuxo coñecemento non se garante ao rematar cada unha das etapas educativas é a galega", recorda.

A Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza foi  elaborada conxuntamente por A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Confederación de Anpas Galegas, Confederación Intersindical Galega - ensino (CIG Ensino), Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG).

Comentarios