Contracultura

Fernando Ramallo: "Confío nunha educación que contribúa a resolver as desigualdades e a xerarquía lingüística"

Fernando Ramallo, sociolingüista, aborda algúns dos temas fundamentais sobre a situación da lingua galega no seu novo libro, Que pasa co galego? (Xerais), reunindo cuestións clásicas deste debate, mais tamén outras actuais como o seu papel na intelixencia artificial ou os desafíos para o futuro.
O sociolingüista Fernando Ramallo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O sociolingüista Fernando Ramallo. (Foto: Nós Diario).

—Como xurdiu este libro?
Despois de máis de 30 anos dedicándome á sociolingüística fun publicando libros e artigos académicos, mais tamén sentía a necesidade de interpelarme a min mesmo sobre algunhas cuestións máis básicas coa idea de facer un texto divulgativo sobre a situación social da lingua. Así, un día sentei e comecei a facerme preguntas a min mesmo e a intentar respondelas.

Por iso tamén intento deixar moi claro que non é un libro que poida aportar nada novo ás persoas que traballan no mesmo ámbito ca min, aínda que evidentemente pode gustarlles máis ou menos e poden desfrutalo, mais en principio está dirixido a persoas que queren situarse sobre esta cuestión e aprender un pouco sen ter demasiados coñecementos. 

—Mestura temas que xa están moi traballados, mais tamén outros máis recentes como os referidos as novas tecnoloxías.
A lista inicial tiña case 50 preguntas, o que pasa que cando comecei a escribir tampouco quería solaparme, a pesar de que hai algunhas cuestións que evidentemente van ter que repetirse porque están relacionadas, por exemplo, ao falar da situación da lingua na mocidade e nas redes sociais. Como a lingua está nunha situación delicada desde hai décadas, tratar temas clásicos como a contribución do modo de produción capitalista á minorización da lingua é fundamental, mais tamén hai que dar o seguinte paso. 

Para comezar, preocuparnos por estas cuestións máis coherentes co mundo actual, coas tecnoloxías e coa intelixencia artificial. Hai que preguntarse que están aportando, como están contribuíndo ao uso do galego, se a mocidade está utilizando máis a nosa lingua a través delas... Tampouco chega con simplemente tratar estes temas, o que precisamos é unha concienciación, crear unha praxe crítica e reflexiva que promova a mobilización e a transformación. 

A situación actual é moi dramática e delicada, non podemos botar foguetes en probabelmente ningunha das preguntas que propoño e o que pretendía coa selección destas preguntas era precisamente crear esa concienciación crítica.

Por iso tamén creo que o ideal sería que este libro fose consultado, lido ou reflexionado nos centros educativos. De feito, ese foi o propósito inicial, manter unha linguaxe e un ton dinámicos a través da estrutura pregunta e resposta, de maneira que o alumnado puidera traballar sobre estas preguntas ou incluso formular novas cuestións para intentar darlles unha resposta.  

—Diría entón que a solución está na educación?
Baixo o meu punto de vista, traballar no ámbito educativo sería o obxectivo, mais tamén sabemos que a educación responde á voz do seu amo. Non nos equivoquemos: nun sistema de produción capitalista, a educación tamén é capitalista. Podemos inspirarnos en autores críticos sobre a educación emancipadora e non bancaria, desde logo, mais xa sabemos o que hai. 

Con todo, o sistema educativo ten un labor fundamental nese fomento do pensar crítico e reflexivo, na problematización da cuestión lingüística de maneira clara e sensata. Temos que intentar que desde o sistema educativo se dean os primeiros pasos para que a xente adopte unha concienciación e unha praxe destinada a, cando menos, evitar eses prexuízos que aínda viven con respecto ao galego nunha parte da poboación e comezar a traballar desde aí. Como digo, o sistema educativo é fundamental, aínda que non é o único e temos que saber ante quen responde.

A educación é un aparello ideolóxico do Estado, obvio, mais sen unha educación comprometida e rigorosa sobre o tema que nos ocupa as cousas teñen moi pouco camiño. Eu sigo confiando nunha educación e pedagoxía críticas, transformadoras e emancipadoras para contribuír a resolver as desigualdades sociais, as inxustizas e a xerarquía lingüística.

Comentarios