martes 19/01/21

O español ábrese paso na CRTVG

O director xeral desta corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, resta importancia á entrevista ao ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, en castelán.
Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo, nunha comisión parlamentaria de control á CRTVG. (Foto: Europa Press)
Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo, nunha comisión parlamentaria de control á CRTVG. (Foto: Europa Press)

A entrevista en español ao ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez, realizada o pasado 5 de decembro no programa da Radio Galega Galiza por Diante Fin de Semana polo xefe de redacción da canle, Luis Ojea, centrou boa parte do debate na comisión de control da Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG). A este respecto, os grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG-PSOE interpelaron na Cámara galega o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e trasladáronlle o seu malestar pola tentativa de normalizar o uso do español nos medios públicos galegos.

A deputada nacionalista María González Albert criticou que “a pesar da claridade coa que vén determinado este obxectivo de normalización lingüística na propia lexislación temos observado como nos últimos anos a presenza do castelán nos medios da CRTVG é cada vez máis reiterada e mesmo se ten normalizado o seu uso a través de colaboradores e colaboradoras habituais en, principalmente, espazos de opinión e debate, así como na publicidade”. Na mesma liña cualificou como “feito de extrema gravidade” que se empregase “en todo momento o español para conversar” con Francisco Vázquez, “que demostrou ademais en múltiples ocasións ter un coñecemento máis que notábel da nosa lingua”.

A deputada socialista Noa Díaz considerou que “non é comprensíbel o acontecido o pasado sábado 5 de decembro, véspera da celebración da constitución española, no programa Galiza por Diante da Radio Galega.

Neste sentido definiu a conversa en español como “algo inadmisíbel, por canto o entrevistado era ademais unha persoa galega que é coñecedora da nosa lingua” e preguntouse se “vai ser a partir de agora a tónica habitual que os entrevistadores dos medios públicos galegos muden de idioma para o que fala a persoa entrevistada”.

O director xeral da Compañía de Radio Televisión da Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo, non deu importancia á entrevista en español a Vázquez e situouna como unha anécdota na práctica lingüística dos medios públicos. “Non é unha praxe habitual na Radio Galega, o normal é entrevistar en galego”, afirmou o máximo responsábel da CRTVG, quen cualificou a conversa de Vázquez na canle galega como unha “incómoda cuestión”. Nesta liña, eludiu valorar a entrevista e evitou dar a súa opinión sobre o acontecido, se ben deixou caer que o ente non fecha a porta a repetir feitos como os denunciados polos grupos da oposición.

Estatuto profesional e do consello de informativos para o ano 2021

Sánchez Izquierdo comprometeuse a ter elaborada a proposta do estatuto profesional e do consello de informativos para 2021. A posta en marcha destes dous organismos foi recollida na Lei 9/2011 de medios públicos e comunicación audiovisual da Galiza, polo que a súa entrada en vigor chegará con máis de oito anos de retraso.

Segundo estabelece a normativa, o estatuto profesional é o “instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos” e o consello de informativos é o “órgano interno de participación dos profesionais da información da corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos”.

comentarios