martes 22/06/21
Análise

O PP busca normalizar o español na CRTVG

A Radio Galega incumpliu a súa propia normativa este sábado. Fíxoo nunha entrevista ao ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, ao que se entrevistou en castelán.
Protesta do cadro de persoal da CRTVG integrante do colectivo Defende a Galega nunha acción por un Venres Negro. (Foto: Nós Diario)
Protesta do cadro de persoal da CRTVG integrante do colectivo Defende a Galega nunha acción por un Venres Negro. (Foto: Nós Diario)

Asistimos a unha tentativa de normalizar o uso do español nos medios públicos galegos. Malia que a compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) nace en 1984 con vontade de servizo público e co obxectivo recollido na súa lei fundacional de “promoción, difusión e impulso da lingua galega”, a norma é incumprida de maneira consciente nas emisións das canles públicas.

Así, o pasado sábado, o xefe de informativos da Radio Galega e presentador do programa “Galicia por Diante Fin de Semana”, Luís Ojea, non dubidaba en renunciar ao galego no curso dunha entrevista ao ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez, unha vez que este lle respondeu en español, mantendo a conversación nese idioma ao longo de todo o encontro.

As traballadoras e os traballadores da CRTVG organizados no colectivo Defende a Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística son dúas das entidades que teñen denunciado esa involución no uso do galego. Defende a Galega non dubida en afirmar que “a entrevista a Paco Vázquez en castelán, a un galego que foi alcalde da Coruña máis de 20 anos, é do máis grave que sucedeu nos 35 anos de radio pública galega” e demanda unha rectificación do director xeral da compañía. Na mesma liña, a Mesa pola Normalización Lingüística anuncia unha queixa diante do equipo directivo da CRTVG e adianta a presentación dunha denuncia perante a Valedora do Pobo.

A entrevista en español a Francisco Vázquez non é un caso illado. O 27 de setembro, o mesmo programa da radio pública emitía unha entrevista integramente en español a outro galego, o médico intensivista do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e membro do Comité de Educación que asesora a Xunta da Galiza en materia de coronavirus Pedro Rascado.

Ojea é un reincidente habitual no incumprimento do fixado pola lexislación da CRTVG en relación coa lingua, significándose, tamén, como un dos custodios da liña editorial da emisora. A este respecto, o xornalista da canle pública e colaborador na sección de opinión de ABC destaca pola súa defensa fechada das políticas do Partido Popular e polas súas críticas sen concesións ás forzas da oposición parlamentaria.

A tentativa de asalto do español aos medios públicos galegos coincide cunha activación da ofensiva do Partido Popular contra a lingua galega e é coherente coa alternativa do Goberno de Núñez Feixoo sobre o idioma. Unha proposta ao servizo dunha determinada concepción de España e dirixida a impedir procesos de normalización e restauración de usos dos idiomas diferentes ao español, nos seus respectivos territorios.

Os contidos dos medios públicos galegos son toda unha expresión do proxecto ideolóxico da dereita. A divulgación dunha visión estereotipada dos galegos e das galegas, a construción dun discurso que presenta o país como sucursal ou apéndice e non como centro da realidade, a exclusión de ópticas alternativas ao relato do PP, a desaparición de visións críticas que cuestionen a imaxe dominante sobre Galiza ou o veto ás expresións máis xenuínas da nosa realidade cultural e social son exemplos ben paradigmáticos dunha folla de ruta que escapa a condicionantes de carácter conxuntural e liga cunha formulación de orde estratéxica.

comentarios