A CRTVG naceu coa misión de servizo público consistente na “promoción, difusión e impulso da lingua galega”. Así consta súa Lei de creación de 1984. Unha norma e unha vocación funcional que están a ser incumpridas na Radio Galega (RG), tal e como denunciaron as e os profesionais do ente agrupados no colectivo Defende a Galega.
O colectivo partillou hoxe nas súas redes sociais a entrevista realizada ao ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez no programa Galicia por Diante da fin de semana. O xornalista arranca dirixíndose a audiencia e mais ao seu entrevistado. Cando este resposta en castelán cambia de idioma, a pesar de que Vázquez, como galego que é, comprende e tamén fala a lingua propia do país e da RG.
Na conversa, toda ela en castelán, quen gobernou A Coruña durante 23 anos reflexiona sobre “a operación de derrube da monarquía” ou a “involución totalitaria e guerra civilismo” crecentes no Estado español.
Vázquez, que tamén foi embaixador de España no Vaticano, opúxose na súa etapa na Administración local ao uso exclusivo do nome galego A Coruña, posicionándose en contra das leis de normalización da Galiza.
Recentemente, o 27 de setembro, o mesmo programa emitiu unha entrevista integramente en castelán. Neste caso o entrevistado tamén é galego, o intensivista do Hospital Clínico de Santiago e membro do Comité de Educación que asesora á Xunta Pedro Rascado. .
“É do máis grave que sucedeu nos 35 anos da radio pública”, sosteñen en redes sociais os profesionais do ente público agrupados en Defende a Galega. “Agardamos rectificación por parte do director xeral”, agregan.
A @radiogalega entrevista a Paco Vázquez en castelán. EN CASTELÁN. A un galego que foi alcalde da Coruña máis de 20 anos! É do máis grave que sucedeu nos 35 anos da radio pública !😡😡 Agardamos rectificación por parte do dtor xeral. #DefendeOGalego https://t.co/B9ISnFWnVW
— DefendeAGalega (@DefendeAGalega) December 5, 2020
Desde a Liña do Galego, o servizo de A Mesa pola Normalización Lingüística para os dereitos lingüísticos, avanzaron que emitirán unha queixa á propia CRTVG e máis á Valedora do Pobo. Nas mesmas redes abundaron as críticas polo emprego do castelán na radio pública galega, moitas delas facendo fincapé na vocación coa que naceu a propia RG.