"Manipulación" e dereitos laborais centran o debate da comisión da CRTVG

Dez meses despois de finalizar o exercicio e en vésperas do 128º Venres Negro, a comisión parlamentaria de control da Corporación RTVG afrontou a comparecencia do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo para dar conta da Memoria de 2019  do servizo público do ente.
2020102920322723528
photo_camera Comisión de control da CRTVG.

Máis alá das cifras de audiencias, emisións ou orzamento,  é o cumprimento da función pública da radio e a televisión galegas o que centrou o debate, polarizado na posición do propio director xeral e da representante do grupo do PP, Raquel Arias Rodríguez, e a da oposición, que salienta a "manipulación" e os graves incumprimentos na lei de medios públicos das canles.

Así o facía notar na súa intervención a deputada do BNG Olalla Rodil, para quen os incumprimentos desta lexislación desde a súa aprobación hai nove anos coloca a CRTVG como unha "anomalía democrática inaceptábel".

"Levan vostedes case unha década negando ás traballadoras e traballadores un dereito dereito básico profesional –o estatuto profesional e o consello  de informativos, regulados no artigo 23 da lei de medios–, a única explicación é que lles dá sarabullo pensar que o persoal, e nomeadamente as e os xornalistas, poida ter un mecanismo co que defender unha liña editorial que garanta os principios de pluralidade, veracidade, obxectividade e independencia informativa", denunciou a representante nacionalista, que tamén se referiu aos "incumprimentos" no nomeamento e prórroga do propio cargo de director xeral. 

Na mesma liña, a deputada do PSdeG Noa Díaz cargaba contra a corporación pública polas prácticas de manipulación. "A CRTVG non pode ser o que é, unha ferramenta propagandística que o señor Feixoo emprega o seu antollo nin unha ferramenta para deseducar ou aborregarnos aos galegos e ás galegas; entreter, si, pero tamén educar e informar con pluralismo", demandou, alertando do "grave deterioro" que se xera, "non só pola manipulación informativa, senón tamén da realidade, na formulación dunha grella que non ten en conta os principios para os que foi creada, na que non hai avances na captación de públicos, onde non se educa, non se respecta a pluralidade...", enumerou. 

Para apoiar a acusación de mala práctica informativa, Díaz acudiu ao colectivo Defende a Galega, "traballadoras e traballadores valentes que nos advirten desa manipulación", pero tamén ás "chamadas ameazantes" recibidas polas regueifeiras Sara Marchena e Aurora Redondo tras a súa intervención no programa Luar, por "defender a galega",  demandar independencia informativa e reclamar, precisamente, "menos manipulación", demandas polas que foron acusadas mesmo de poñer en risco a continuidade do espazo de regueifa do programa por usalo para facer "política".

Espazo político

"Gustaríame coñecer un esquema de pluralidade e de neutralidade, nas canles públicas do Estado ou de boa parte de Europa,  onde haxa un paradigma que debamos seguir", retrucou Sánchez Izquierdo, para quen o debate sobre a independencia informativa nos medios públicos agocha unha loita por "ocupar espazo político no sistema público de comunicación" por parte da oposición.

Negando as críticas, o director xeral da CRTVG defendeu ademais o "diálogo" do ente público coa súa masa social, fronte as acusacións da portavoz socialista, quen lembrou que o departamento de recursos humanos "non deu chegado en tres anos a un só acordo" coa representación do persoal.

"Temos que ter claro que todo o proceso que atravesou nestes anos a CRTVG, o estrés da estrutura tecnolóxica, o esforzo de formación dos traballadores e a capacidade de adaptación á transformación dixital fixo que neste 2020 puidera facer fronte ás exixencias e necesidades da sociedade galega no medio da pandemia, ás que segue a dar cumprida resposta",  reivindicouse Sánchez Izquierdo. 

A reflexión recibiu o apoio fechado da deputada do PP, quen salientou o "papel fundamental de servizo público" da RTVG durante a pandemia, "dando servizo veraz,  indicacións do que tiñamos que facer, información e axuda, mesmo na educación, cunha grella adaptada a estes tempos".

Comentarios