Unha ampla representación de diferentes sectores arroupa a iniciativa para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

Preséntase a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular 'Xabarín' 
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Na fotografía aparencen Marcos Maceira e Celia Armas (A Mesa pola Normalización Lingüística), Pablo Díaz, Paco Cerdeira (Paco Pakolas e A gramola gominola), Fran Amil (Chuches Amil), Diego Roca (Uxía Lambona) e Sergio Rodríguez (Troula), Fran Rei (Pallasos en Rebeldía, Nacho Fungueiriño (Culturactiva), Camilo Franco (AELG), Iria Taibo (AGPTI), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas), Mar Lois (ANEGA), Artai Gavilanes (Erguer), Antón Costa (Nova Escola Galega), Patricia Varela (AS-PG), Xesús Bermello (CIG Ensino), Maica Couto (STEG), Marília Inês Cunha de Oliveira (CSIF Ensino) e representantes sindicais da CRTVG.

Unha nutrida representación de profesionais da música, do audiovisual, do teatro e da industria editorial de Galiza, así como representantes de colectivos sociais e de todos os ámbitos do ensino arrouparon en Compostela o lanzamento da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín. Unha PNL impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza co obxectivo de instar o goberno galego “a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego”.

A petición demanda que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos".

Celia Armas, secretaria xeral da Mesa, recordou que a proposta tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. “O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias”, salientou.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou na presentación que a petición reuniu a través da web case 15.000 sinaturas. Foi, precisamente, a velocidade e a intensidade con que a sociedade galega respondeu á proposta o que levou a entidade de defensa da lingua a transformar o que inicialmente era unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. “Día a día demostran ademais que máis que demanda o que hai é necesidade, como a hai para calquera sociedade avanzada mais que no noso caso é urxencia”, asegurou, “como demostra esta iniciativa que nace coa participación de ducias de colectivos do sector da cultura mais tamén das asociación de nais e pais, organizacións xuvenís, a grande maioría da representación sindical do profesorado galego ou os xa máis de 200 estabelecementos comerciais onde se recollerán as sinaturas nos próximos días asi que a Xunta electoral valide, sele e numere os pregos onde se recollerán”.

O apoio concrétase na posta en marcha dun grupo impulsor da iniciativa popular no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe); artistas de referencia para o público infantil e xuvenil como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona; empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas como Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais; colectivos sociais como a Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas; e organizacións do ensino como Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG.

Comentarios