A socialista Pilar García Porto insta o delegado da Xunta a desculparse por un comentario: "Nunca vivira algo semellante"

"Dille a Pilar que veña, que mova o cu" foron as palabras que, segundo a responsábel de Turismo da Deputación de Lugo, pronunciou Javier Arias dirixíndose a unha traballadora provincial.
Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, e Pilar García Porto, deputada de Turismo na Diputación e portavoz provincial socialista. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo, e Pilar García Porto, responsábel de Turismo da Deputación e portavoz provincial socialista. (Fotos: Nós Diario)

A deputada de Turismo na Deputación de Lugo e portavoz provincial socialista, Pilar García Porto, vén de solicitar ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que pida "desculpas públicas" por un comentario que cualifica de machista. Estas "desculpas públicas" reclámaas tras unha errada reunión do consorcio de bombeiros, onde, denuncia, Arias trasladoulle a unha traballadora provincial: "Dille a Pilar que veña, que mova o cu".

"Está fóra de lugar que un representante institucional faga ese tipo de petición a unha traballadora", defendeu, á vez que lembrou que o delegado da Xunta "é funcionario da Deputación".

A tamén secretaria de organización dos socialistas de Lugo precisou que ela, a pasada cuarta feira, sentiuse "sorprendida" porque "é difícil de entender ese comportamento". Ademais, criticou o "comportamento" do delegado da Xunta pola tarde, nun acto no Vello Cárcere ao que ela acudiu en representación da Deputación.

Alí, Arias, segundo relatou Porto, "desde o traxecto da porta até o photocall para facer as fotografías, falaba detrás" e insistía: "Pilar, o que fixestes é imperdoábel, estades a mentir". Ela, asegura, non respondeu a estes comentarios "porque se trataba dun acto público".

"Fixéronse as fotos, e aí segue, insiste e volve reclamar a miña atención; notei como varias persoas que facían fotografías viraban para mirarnos, e aí decidín que non falaba con el. Simplemente dixen, 'cando recuperes as formas, falamos', e retireime cara a outro lado", concretou.

É por todo iso que reclama a Javier Arias que pida "desculpas públicas", á vez que indicou que "nunca" na súa vida viviu "unha situación semellante". Unhas "desculpas" que quere que veñan acompañadas dun reproche por parte do Partido Popular, neste caso da súa presidenta en Lugo e candidata á Alcaldía da cidade amurallada, Elena Candia.

Comentarios