Oito concertos encabezan o Correlingua, no que participarán 1.500 escolares

Foz acollerá a festa final desta edición o vindeiro 22 de novembro.
Patricia Varela, Anxo Terán, María Muíño, Suso Bermello e Celia Armas (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Patricia Varela, Anxo Terán, María Muíño, Suso Bermello e Celia Armas (Foto: Deputación da Coruña).

O Correlingua 2021 quece os motores. Nesta quinta feira presentáronse na sede da Deputación da Coruña as actividades que, baixo o lema "Inmunízate co galego", compoñen a edición deste ano. No acto participaron a presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Patricia Varela; o presidente de Correlingua, Anxo Terán; a deputada de Normalización Lingüística e Igualdade da Coruña, María Muíño; o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, e a representante da Mesa pola Normalización Lingüística Celia Armas.

Este ano participarán no Correlingua máis de 1.500 escolares, e as actividades decorrerán entre o 20 de outubro e o 22 de novembro na Coruña, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Bueu, A Estrada, Verín e Foz, onde se celebrará a festa de fechamento da edición. Pauliña —gañadora do Cantalingua—, Os John Deeres, Cé Orquestra Pantasma e Música Miúda ofrecerán oito concertos nos diferentes municipios que colaboran co evento.

Os oito concertos decorrerán fóra dos centros de ensino e terán unha asistencia media de 200 persoas, que asistirán en "grupos burbulla" para garantir o cumprimento das medidas sanitarias.

"Son actividades que fan que o alumnado sexa protagonista dentro e fóra das aulas", sinalou Varela, quen tamén instou a que as actividades "motiven" o uso do galego tanto no eido escolar como no día a día da mocidade.

Aliás, a presidenta da AS-PG salientou que o Correlingua "non son só as festas finais", xa que cada ano teñen lugar "concursos de vídeo e banda deseñada", entre outras actividades.

Para Suso Bermello, cómpre preguntarse por que iniciativas como o Correlingua, que celebra este ano a súa vixésimo primeira edición, "están a facer o traballo de defensa do idioma que non fan nin a Xunta da Galiza nin a Consellaría de Educación", e lembrou que os datos máis recentes sobre o uso do galego "sinalan a mala situación" que padece no ensino, xa que tres de cada catro estudantes da ESO remata os estudos sen saber expresarse na lingua propia.

Pola súa banda, María Muíño defendeu o "dereito a medrar e vivir en galego", algo que "agora mesmo non está garantido".

Outras actividades

Alén das actuacións musicais, a edición do Correlingua deste ano ofrecerá actividades complementarias como obradoiros de escritura creativa, de regueifa e de banda deseñada, así como outras iniciativas "de pequeno formato" que se desenvolverán nos propios centros.

Comentarios