O Apalpador reclama a Rueda o cumprimento da 'Iniciativa Xabarín'

O acto reivindicativo decorreu no Obradoiro.
O Apalpador, esta sexta feira, na praza do Obradoiro da capital galega. (Foto: A Mesa)
photo_camera O Apalpador, esta sexta feira, na praza do Obradoiro da capital galega. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística celebrou esta sexta feira na praza do Obradoiro, en Compostela, un acto festivo que contou coa actuación musical de Roberto Sobrado e no que o Apalpador e un grupo de crianzas pediron ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que este sexa o "derradeiro Nadal sen programación infantil e xuvenil en galego"

O Apalpador lamentou non poder agasallar as crianzas galegas a Canle Xabarín que lle piden cada ano, debido ao "incumprimento da Iniciativa Xabarín", aprobada por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021, despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos de máis de 33.000 persoas.

"Mentres non se cumpra o acordo parlamentar promovido pola Mesa, con amplo apoio social", lamentou o Apalpador, "a infancia e a mocidade galegas seguirán sen poder gozar con programación audiovisual na súa lingua, en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais". 

Pola súa parte, o presidente da asociación en defensa da lingua, Marcos Maceira, recordou que "a programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñíbel nas operadoras de televisión e que a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle, mentres que o galego está dispoñíbel no 0% das emisións na canle temática Clan, de TVE".  

Comentarios