200 ‘Outeiros’ ante 42.000 ‘Oteros’, 1.000 'Martíns' ante 113.000 'Martínez'

Calcúlase que as formas castelanizadas nos apelidos galegos é 17% do total. 
Persoas paseando por Vigo este mes de outubro (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Persoas paseando por Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O galego como idioma instrumental foi desprazado na escrita desde principios do século XVI. Unha das consecuencias, como ten recordado a filóloga e membro da Real Academia Galega (RAG) Ana Isabel Boullón, foi que os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, comezaron a ser modificados.

No caso dos apelidos, que xa eran hereditarios, sufriuse un proceso de deturpación que lles afectou de xeito desigual. Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas 17 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior.

Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma ‘castelanizada' gozando dunha boa saúde. Exemplos? Hai na Galiza pouco máis de 200 Outeiros mais hai 42.000 Oteros; non chegamos aos 1.000 Martíns e  hai 113.000 Martínez; en 2011 ficaban 3 Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa ‘deturpación' española. O argumento de que non son deturpacións, senón apelidos que chegaron desde outros territorios fóra da Galiza, non se mantén, a teor das persoas expertas. 2% dos apelidos presentes na Galiza teñen orixe vasca, 4% catalá... mais 17% castelán? Semella excesivo.

En 2019 había na Galiza 21.100 apelidos que teñen un único portador. No outro extremo, Rodríguez, o máis común en Galiza, que levan 237.000 persoas. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns dos antropónimos en perigo de extinción.

Hipocorísticos

Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo, advirtía xa hai uns anos sobre como os hipocorísticos galegos estaban en franco declive. “Os Manueles pasaron de ser Manolos a ser Manus, e os Franciscos de ser Chiscos, Fucos e Farrucos a Frans”, por influencia española.  “E as modas non son casuais nin espontáneas. Hai unhas causas que acompañan a unha tendencia inicial e lamentabelmente”, dicía o profesor da Universidade de Vigo, “estas cousas son dificilmente reversíbeis”. Os Canduchos, Carmuchas, Pilochas, Carmelas, Maruxas, Caluchos, Susos, Tuchos… teñen escaso futuro e moitos deles xa desapareceron case por completo. É o caso de Xepe, o hipocorístico galego para Xosé.

Nomes propios, identidade e a creatividade galega

Boullón ingresou en decembro pasado como membro de número da Real Academia Galega cun discurso dedicado á historia dos nomes propios, os apelidos e os topónimos galegos mais á súa relación coa identidade. No seu discurso reflexionou sobre a relación entre a onomástica e a identidade en diálogo con distintas voces especialistas no tema como a escandinava Emilia Aldrin, quen apunta que cando as nais e os pais escollen un nome non só reproducen certas estruturas e significados sociais, senón que se comprometen activamente na creación delas.

"Esta actitude activa é perfectamente visible no corpus dos nomes galegos, onde desde finais dos século pasado non paran de crecer as novidades onomásticas: nomes persoais tirados da toponimia (Avia, Adai, Dubra, Irimia, Ézaro, Eume, Antela, Cíes, Navia, Aloia, Sarela, Deva), da haxiotoponimia (Comba, Cidre, Baia, Icía/Sía, Xes/Xenxo), literarios (Loaira, Leilía), medievais (Aldara, Aragonta, Airas, Roi), do léxico común (Lúa, Ledicia, Arume, Alborada, Arela), inspirados na historia da Galiza (Suevia, Celtia), hipocorísticos (Fuco, Nela, Xonxa, Catuxa, Xela, Xandre) e mesmo hipocorísticos de nomes recentes como Breo (de Breogán). Esta excepcional creatividade dáse na Galiza só cos nomes especificamente galegos, non cos doutras afiliacións lingüísticas”, comparou.

Comentarios