17M: Encher Compostela para reafirmar que 'O idioma é a vida'

A mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego agarda reunir milleiros de persoas na defensa do idioma. A manifestación parte ás 12:00 horas da Alameda da capital galega.

GALEGO

'O idioma é a vida' é o lema da mobilización convocada por Queremos Galego que esta terza feira percorrerá Compostela para demandar un compromiso activo na defensa e promoción da lingua por parte das administracións, e nomeadamente da Xunta. 'O idioma é a vida' é un dos versos do poema 'A Fala' de Manuel María, unha persoa que sempre sostivo un compromiso vital para co idioma, un habitual en todas as accións e actividades de defensa e promoción da lingua do país.

A manifestación partirá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela para, após percorrer rúas do Ensanche e Zona Vella, finalizar na Praza da Quintana. Alí, para alén das intervencións, haberá actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel.

“O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo  por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG. Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa continuada da normalidade para o galego”, sinalou Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica, en referencia ao centenario da creación das Irmandades da Fala, que se fai esta cuarta feira 18 de maio. 

Un contexto de “deslexitimidade”

A manifestación deste ano está marcada, explicou Maceira na presentación da marcha, por un contexto de “deslexitimidade” do 'decretazo contra o galego, algo que ficou claro co informe do Consello de Europa. Maceira instou novamente Feijóo a que "dea os pasos precisos" para dotármonos dun novo decreto para o ensino en galego, "comezando por eliminar os artigos do decreto que prohiben o uso do galego".

Queremos Galego salientou que “todos os avanzos para a lingua galego foron conquistas da sociedade", polo que fan un chamado "a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avanzos para ela, posibilidades de uso e accións públicas que permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”.

Comentarios