Carlos Callón protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, entrevistamos a Luis Rei Núñez
Distintas pezas do Semos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Distintas pezas do Semos Galiza deste sábado. (Foto: Nós Diario)

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que protagoniza o texto de Carlos Callón, e o adianto que Nós Diario ofrece do seu último libro, O libro negro da lingua galega (Xerais).

Trátase dunha ferramenta útil para a restauracón social do galego, que recolle unha antoloxía de casos de represión do galego, que abarcan desde finais do século XV até finais do XX.

'Reboiras poliédrico'

Sermos deste sábado prosegue cunha entrevista do escritor Luis Rei Núñez, autor da novela Matarán a Reboiras. En Reboiras Poliédrico, o autor e Montse González conversan sobre un libro que trata, entre outros temas, "sobre a menoria e os ideais que abrazamos".

A novela aúna fitos históricos como a crise das vacas tolas, o Prestige, a guerra de Iraq e a de Afganistán, a loita contra unha regasificadora na ría de Ferrol. a guerrilla antifranquista e a loita obreira no Ferrol de primeiros dos anos 70.

Xulio Maside

Por outra parte, Carlos L. Bernárdez asina a peza Xulio Maside. Un artista mergullado no vivo latexar do país, na que repasa a traxectoria vital e artística de Xulio Maside, falecido este mesmo ano.

"O noso artista tivo, co seu activismo cultural e social, unha presenza notábel na cultura galega, nomeadamente en Santiago de Compostela, a súa cidade -onde exerceu a medicina- e centro da súa traxectoria vital e artística", explica Bernárdez.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belén Tajes, que trae as últimas novidades, mentres César Morán asina un artigo titulado 'O máis parecido ao karaoke'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Sandown, de Michel Franco, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha análise da obra de Continente María, de A Quinta do Cuadrante  

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro O povo improvisador, de Sechu Sende. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da Cenlle, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios