Día das Bibliotecas... para as que quedan

A celebración do Día das Bibliotecas chega no peor momento. O goberno español eliminou o orzamento do próximo ano para as bibliotecas públicas e na Galiza aumentan os peches. A Xunta recorta nas aulas de animación á lectura e no equipamento de bibliotecas escolares.
Biblioteca escolar
photo_camera Biblioteca escolar

Onte foi o Día das Bibliotecas. Algunhas actividades lembraron esta data en que se queren potenciar estes equipamentos e lembrar a importancia que teñen para a sociedade. Non o entenden así institucións como a Xunta e o goberno español, que nos últimos meses reduciron de xeito drástico as achegas para que poidan funcionar con normalidade. Os recortes económicos chegan a ser abafantes e o sector non entende a idea de “aforrar” cando a prioridade vai para outros gastos. Só por poñer un exemplo: a programación cultural e actividades o Gaiás dedica 4,6 millóns de euros, contrasta cos 1,5 millóns de euros que destina a Xunta para dotación de todas as bibliotecas galegas. Ou o custo da primeira exposición No Museo de Galiza da Cidade da Cultura, Gallaecia Petrea, 1,34 millóns de euros.

A Xunta reduciu tamén as achegas no ámbito do ensino, tanto no ámbito da animación á lectura como en material e equipamentos para bibliotecas escolares

Menos orzamentos... ou ningún

O ministro de Cultura, José Ignacio Wert, eliminou dos orzamentos para o ano 2013 o apartado para a adquisición e distribución de libros, ademais doutros fondos documentais, e para a mellora das bibliotecas públicas. Xa non haberá axudas para adquisicións de libros que funcionaban nos Orzamentos Xerais do Estado. Esta situación inflúe tamén na achega da propia Xunta. Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, comentaba hai uns días no seu blog esta situación. “A colaboración co estado permitiu á Xunta destinar o pasado ano 1.272.600 euros (636.000 euros dos seus orzamentos) para a adquisición de novidades editoriais para a rede das súas seis bibliotecas nodais, así como na compra de libros en galego para o seu reparto na Rede de Bibliotecas de Galiza, un total de 240 bibliotecas, coa finalidade de dotalas de coleccións actualizadas e potenciar a lectura na nosa lingua”. Agora coa decisión de Madrid a situación para o ano vindeira será diferente.

Menos bibliotecas

Este mesmo ano varias bibliotecas públicas pecharon as súas portas no noso país. En Compostela a Sala de Lectura de Caja Madrid, hoxe Bankia, non chegou ao verán. Era o único centro social en Galiza desta entidade que deixa a capital galega orfa dun espazo moi empregado pola cidadanía. Levaba máis de dez anos en funcionamento no Pazo de Fondevila, un fermoso edificio barroco construído a mediados do século XVIII e tiña catro salas de lectura con capacidade para 84 persoas, nove postos informáticos, oito postos para discapacitados e unha sala de traballo para 12 persoas.

No concello da Golada tamén pechou a biblioteca municipal que daba servizo a máis de dúas persoas. A razón da desaparición deste importante equipamento público foi, segundo o goberno municipal, a importante débeda que ten ese municipio.

Menos animación á lectura e equipamentos para bibliotecas escolares

A Xunta reduciu tamén as achegas no ámbito do ensino, tanto no ámbito da animación á lectura como en material e equipamentos para bibliotecas escolares. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxou Louzao, pensa que a razón é “eliminar o noso idioma como lingua de ensino”. Denuncia que “a dotación de libros, sobre todo en lingua galega, sufriu un gran retroceso no ámbito do ensino” dun xeito “tan grave” que “hoxe, aínda que non é libro de biblioteca, atopar material en lingua galega para o mesmo profesorado é difícil”. Para Louzao “estamos diante dun partido político, o PP, que quere eliminar o noso idioma e por iso o apoio ao libro, o apoio ás bibliotecas pensando na súa galeguización , que sexan un soporte normal eles buscan todo o contraria, desolador”.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios