"Todos os días" de Alberto Ramos gaña o Premio Risco de Literatura

O xurado escolleu a súa obra por tratar temas tan actuais como a crise económica e social e súa repercusión na mocidade. Ramos recoñece que escribiu "o que lle pedia o corpo".
Alberto Ramos
photo_camera Alberto Ramos

O xornalista Alberto Ramos é o gañador da última edición do Premio Vicente Risco de Literatura que convoca anualmente esta entidade en colaboración co concello de Ourense. O galardón, dotado economicamente con 6.000 euros e a publicación da obra, engaiolou ao xurado polo excelente tratamento "a crise económica e social e os seus efectos sobre a mocidade universitaria dos nosos días e en como esta falta de horizontes inflúe na autoestima das personaxes e condúceos á destrución persoal".

Adelaida Vidal (gañadora da anterior edición), Xulio Golpe (Fundación Vicente Risco), Ánxela Gracían (Editorial Sotelo Blanco), Soedade do Muíño e Serafín Alonso Pintos, membros do xurado, tiveron en conta que no texto escrito por Alberto Ramos xurdían elementos tan actuais como "o peche de medios de comunicación escritos, a rivalidade profesional e a falta de expectativas vitais".

É unha historia do paro, "unha cuestión bélica hoxe" para unha mocidade que busca o seu futuro.

Vivencias persoais e ficticias

"Escribín o que me pedía o corpo". Ramos, colaborador de Sermos Galiza, conta en "Todos os días" a historia dun xornalista que queda en paro despois de pechar o seu xornal. Recoñece que hai algo de "autobiográfico" até con algún acenso de complicidade cara un sector que coñece moi ben. "Hai algunhas vivencias persoais e outras que non". É unha historia do paro, "unha cuestión bélica hoxe" para unha mocidade que busca o seu futuro. "Calquera parecido coa realidade e pura casualidade... ou causalidade".

O Premio Vicente Risco

Os Premios Vicente Risco naceron no ano 2000 co obxectivo de promover a creación literaria nun dos eidos máis amados por Vicente e Antón Risco, como o da Literatura Fantástica. Desde a edición do 2006 pasa formalmente a denominarse Premio Risco de Creación Literaria.

En anteriores edicións levaron este galardón Xosé Carlos Caneiro ("A rosa de Borges", 2000), Xavier López López ("O Caderno", 2001), Xosé Luís Martínez Pereiro ("A embaixada do vinagre", 2002), Ramón Caride Ogando ("O sangue dos camiños", 2003), Isidro Novo ("Un escuro rumor tralo silencio", 2005), Zurzo Sierra Veloso ("Os mércores de Fra", 2006), Xosé Vázquez Pintor ("Para dicir abril", 2007), Hixinio Puentes ("A do vinteún", 2009), Fernando Méndez ("Deus xogando aos dados", 2010) e Adelaida Vidal ("Olladas", 2011).

Máis en Letras e Ideas
Comentarios