A guerra en Ucraína, en directo, este 21 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

 

Manifestación en Milan contra a ofensiva militar rusa en Ucraína (LaPresse via ZUMA Press/dpa); rúas bombardeadas de Kíiv (Daniel Ceng Shou-Yi/ZUMA Press W/DPA); Poboación de Mariupol, agardando poder viaxar até Lviv (Victor/Xinhua News/ContactoPhoto)
photo_camera Manifestación en Milan contra a ofensiva militar rusa en Ucraína (LaPresse via ZUMA Press/dpa); rúas bombardeadas de Kíiv (Daniel Ceng Shou-Yi/ZUMA Press W/DPA); Poboación de Mariupol, agardando poder viaxar até Lviv (Victor/Xinhua News/ContactoPhoto)

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

21.50 | A UE acorda aumentar o gasto militar

Os Vinte e sete estados que conforman a Unión Europea (UE) deron luz verde esta segunda feira aos plans para aumentar a capacidade militar da UE durante a próxima década. Deste modo, o bloque "gañará capacidade militar" e coordinará mellor os esforzos nacionais no campo da Defensa. O último borrador do 'compás estratéxico' foi acordado polos ministros de Exteriores e de Defensa na súa reunión conxunta en Bruxelas, segundo informan fontes diplomáticas en declaracións recollidas pola axencia Europa Press. Trátase dun plan que estabelece como obxectivo dispor da capacidade de despregar até 5.000 efectivos de "resposta rápida" se for preciso.

19.55 | O Goberno ucraíno consultará o pobo para ratificar os acordos con Moscova

Diferentes medios de comunicación recollen esta segunda feira unhas declaracións do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, nas que afirma que someterá a un referendo en toda Ucraína os acordos aos que podería chegar o seu goberno co Kremlin, no caso de se produciren. Trataríase, explicou, de mudanzas na Constitución e a lexislación de Ucraína.

18.52 | Zelenski: "Só aceptaremos un ultimato cando todos morramos"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, dixo esta segunda feira en declaracións a medios europeos recollidas pola axencia Europa Press que só se renderá "cando todos morran", en alusión ao ultimato ruso na cidade de Mariupol. "Ucraína non pode cumprir xamais un ultimato da Federación Rusa. Teriamos que estar todos mortos e só entón cumpriríase o seu ultimato para entregar Kharkiv, Mariupol ou Kíiv. Non podemos facelo", manifestou.

18.00 | O Estado español dá asilo a máis de 10.000 persoas refuxiadas

O Ministerio do Interior informou esta segunda feira da concesión dun status de protección temporal no Estado español a perto de 10.260 ucraínos e ucraínas que abandonaron o seu país por mor da guerra.

17.22 | A ONU eleva a máis de 900 os civís mortos en Ucraína

A oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (Acnudh) informou nesta segunda feira de que o número de vítimas civís en Ucraína desde que principiou a invasión rusa hai case un mes ascende a 925, alén doutras 1.496 persoas feridas. A maioría das mortes, sinala Acnudh, "debéronse ao uso de armas explosivas cunha ampla área de impacto, incluídos os bombardeos de artillaría pesada e sistemas de lanzamento múltiple de foguetes, ataques aéreos e con mísiles".

16.20 | Rusia e os EUA poderían rachar as relacións

O Goberno da Federación Ruso convocou esta segunda feira o embaixador dos EUA en Moscova, John Sullivan, para trasladarlle persoalmente o seu "malestar" logo de que o presidente estadounidense, Joe Biden, se referise ao seu homólogo ruso, Vladimir Putin, como un "criminal de guerra". O Kremlin, que considera "inaceptábeis e indignas" esas declaracións, advirte que calquera medida "hostil" recibirá un rexeitamento "firme e decisivo".

12.53 | Alertan da presenza de minas no mar Negro chegadas de Ucraína

O Goberno búlgaro alertou da presenza de minas explosivas no mar Negro, que teñen como punto de orixe a costa de Odesa e que agora mesmo atópanse sen ningún tipo de supervisión. Segundo expertos da Academia Militar en Varna, as minas poderían chegar a augas territoriais búlgaras nalgo menos de dúas semanas, polo que advirten a empresas e particulares que extremen a precaución.

11.08 | O alcalde de Kíiv decretará un novo toque de recoller

O alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, decidiu decretar un novo toque de recoller que entrará en vigor ás 19 horas [pola hora galega], e rematará ás 6 horas da cuarta feira. Do mesmo xeito que no anterior toque de recoller, só se permitirá o movemento daquelas persoas e vehículos que conten cun pase especial.

10.16 | Rusia informa do ataque a instalacións militares ucraínas na zona de Rovno

O medio dixital Russia Today recolle na mañá desta segunda feira as declaracións do portavoz do Exército ruso, Ígor Konashénkov, quen informou do ataque a unhas instalacións militares ucraínas no polígono Nóvaya Liubomirka, na zona de Rovno. Segundo afirma Konashénko, era "un centro de adestramento de mercenarios estranxeiros e formacións ultras ucraínas", e durante o ataque faleceron "máis de 80" persoas. 

9.07 | Ucraína rexeita o ultimatum do exército ruso e négase a entregar Mariupol

As autoridades ucraínas rexeitaron o ultimatum do exército ruso para entregar Mariupol e permitir a evacuación das 130.000 persoas civís que aínda seguen na cidade, segundo recolle a axencia de noticias Reuters. O Goberno ruso afirmou que permitiría a saída da poboación civil, pero non a dos batallóns e milicias que seguen na cidade, e aos que Moscova acusa de empregar civís como escudos humanos. Pola súa parte, o Goberno de Volodimir Zelenski volveu insistir en que "Ucraína non se rende".

8.34 | Zelenski suspende a actividade de once partidos da esquerda ucraína por seren "pro rusos"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou este domingo que suspendía a actividade de 11 partidos políticos ucraínos, correspondentes á esquerda do país, mentres se manteña en vigor a lei marcial que imperá en Ucraína. Para xustificar esta decisión, Zelenski fixo referencia aos "vínculos" que existen entre algunhas destas formacións políticas e Rusia.

7.59 | As ONG galegas, protagonistas na axuda a Ucraína​

Desde o inicio da invasión rusa sobre o país veciño, o 24 de febreiro pasado, os equipos especializados en urxencia puxéronse a traballar para axudar a poboación civil, tanto dentro de Ucraína, como nas fronteiras.

Durante as últimas semanas, a Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento non parou de recibir chamadas telefónicas de cidadáns que queren colaborar para paliar os graves efectos humanitarios da guerra. Guerra que, por darse ás portas da UE, xerou unha resposta masiva da poboación que non sabe como canalizar ese sentimento de solidariedade.

Comentarios