Opinión

Pola negociación e a paz

Debo comezar expresando a miña nula simpatía pola forma de conducirse, na política internacional, o chamado Occidente, en concreto USA e os seus acólitos da UE, entre eles a penosa España. En especial, resúltame insufríbel, por cínica, a súa ostentosa presunción de superioridade moral na motivación das súa conduta. No noso contexto, faise gala dun europeísmo retórico que se afoga na impotencia, na parálise, por servilismo ao amo americano, e que supura unha concepción xerárquica, desigual, racista, de Europa e do mundo. Incapaz de desprenderse da tutela americana e a submisión aos USA, a UE camiña para a insignificancia política, dana os seus intereses económicos, promove o empobrecemento dos seus pobos e alimenta o conflito no continente.

Non abondou con ignorar, desprezar e burlar o acordado en 1991 de que non se ampliaría a OTAN até as fronteiras de Rusia, senón que se seguiu, de forma a cada paso máis hostil, incitando as repúblicas ex soviéticas máis pro-occidentais, como Xeorxia e Ucraína, a ingresar nesa organización ofensiva e agresiva. A propia dinámica política interna desas repúblicas, claramente interferida por Occidente, orientouse na hostilidade contra Rusia. O goberno de Ucraína, nos oito últimos anos, foi un modelo de irresponsabilidade xeo-estratéxica, non porque non sexa lexítimo querer formar parte da UE, senón porque optou pola belixerancia anti-rusa no interior e por abrazar a causa do acoso militar a Rusia co seu enfeudamento á política da OTAN. Agora, coa invasión de Ucraína por Rusia, a maquinaria propagandística para envelenar a opinión pública europea e excitala, irracionalmente na rusofobia, acadou o paroxismo. Impúlsase o militarismo, a reacción emocional e visceral, co recurso a simplezas e prexuízos, para manter a opinión pública tan atinxida como inerme e inactiva. Mentres os seus gobernos aumentan os gastos en defensa, empeoran as condicións de vida da maioría e as oligarquías, estas de aquí, si, enxugan ganancias descontroladas. Nunha situación así era o momento para o debate plural, a información contrastada, e, sobre todo, para obrigar os gobernos a favorecer a negociación e a paz entre as partes en conflito. Non acerto a comprender en que beneficia unha rusofobia visceral a aliviar o padecemento do pobo ucraíno, e sobre todo a favorecer a convivencia pacífica entre veciños.

Malia todo, parece que se está abrindo paso a razón. Hai negociacións, a cada paso máis concretas. Mesmo aparecen voces, con autoridade intelectual e experiencia política, que, desde a súa adhesión a un europeísmo fundado, explican as causas que provocaron este conflito e fan propostas para resolvelo. Todos coinciden na necesidade dun estatuto de neutralidade para Ucraína. Todos advirten que esta guerra é mala para a UE, non só para os seus actores principais. Todos recoñecen que non se pode illar Rusia e intentar que non sexa unha grande potencia ou mudar o seu réxime político a base de cercala e alimentar conflitos na súa fronteira. Até un embaixador español alí, entre 2007 e 2011, Juan Antonio March, indica que Europa vai do Atlántico aos Urais, resucitando así a visión de De Gaulle, un europeísta real, que, por iso, non menosprezaba Rusia e non acreditaba na necesidade da OTAN. Hai que ofrecer confianza a Rusia, non hostilidade. Remato: podemos admitir que unha invasión e unha guerra non ten nunca xustificación. Como aforismo moral vale. Como explicación do que pasa, non. Esta guerra ten causas. Como galegos e galegas conscientes, opinemos racionalmente e expresémonos, porén, non nos dividamos respecto de nós mesmos por causa deste conflito. Favorezamos, si, a negociación e a paz.  

Comentarios