A Xustiza xaponesa preme o Goberno para legalizar o matrimonio igualitario

É a primeira sentenza dun Tribunal Superior.
O primeiro ministro do Xapón, Fumio Kishida, en febreiro. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / ZUMA Press W / DPA)
photo_camera O primeiro ministro do Xapón, Fumio Kishida, en febreiro. (Foto: Rodrigo Reyes Marin / ZUMA Press W / DPA)

O Tribunal Superior de Sapporo, na illa de Hokkaido, situada no norte do Xapón, emitiu a quinta feira un veredicto no que considera que non legalizar o matrimonio igualitario viola tres apartados da Constitución do país insular.

Após cinco cortes de distrito avalar a constitucionalidade destas unións ou dos dereitos que deben ter estas parellas, é a primeira vez que un Tribunal Superior fai o propio. A decisión intensifica a presión para lexislar ao respecto sobre o primeiro ministro Fumio Kishida, que está a sufrir unha sucesión de escándalos que afectan a popularidade do conservador Partido Liberal Democrático, que leva gobernando case ininterrompidamente nas últimas sete décadas apoiado pola intervención dos servizos secretos estadounidenses ao seu favor.

As enquisas apuntan que máis de 70% da poboación está a favor da legalización, no marco dunha campaña para forzar a Xustiza a tomar posición. Makiko Terahara, representante da iniciativa, cualificou a decisión xudicial de “perfecta”, explicando que non reclama “un sistema de asociación ou algo similar, pide igualdade”.

Comentarios