Vox invita á cidadanía madrileña a atascar a cidade o luns para protestar polo confinamento

A formación política pretende queixarse así da decisión de confinar a Comunidade de Madrid que comunicou hoxe o Consello de Ministros. “Fagamos da festa Nacional un grito á liberdade”, reivindican, pedindo ás veciñas e aos veciños que saían cos seus coches, en plena pandemia e coa recomendación de ficar na casa, en protesta por unhas medidas que ven “totalitarias e absurdas”.

EuropaPress_3346644_presidente_vox_santiago_abascal_aplaudido_llegada_congreso_donde_registrara
photo_camera O líder de Vox, Santiago Abascal, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Vox quere que as e os madrileños colapsen Madrid este luns, malia ser festivo e pesar a recomendación sanitaria de ficar na casa, cunha manifestación en coche contra a decisión do Consello de Ministros de confinar a comunidade para intentar frear os contaxios de coronavirus.

A formación pretende facer coincidir coa “Festa Nacional” o atasco contra “a incompetencia” do Goberno do Estado español.

O partido entende que a imposición do feche de Madrid pola preocupante situación epidemiolóxica responde a unhas medidas “totalitarias e absurdas” de Sanidade para loitas contra a pandemia.

“Fagamos da festa Nacional un grito á liberdade”, pediu o partido que dirixe Santiago Abascal, que xa fixo correr a convocatoria polas redes sociais. A pretensión é colapsar a comunidade, ou polo menos algúns concellos, malia o risco existente de estar expostas ao virus.

Vox, que tamén cita ao resto das españolas e españois a concentrarse nas prazas das cidades do Estado, demanda que se acuda “coa bandeira da liberdade, a de España”.

Así mesmo, anuncia que nestes encontros reclamará “a dimisión do Goberno criminal da mafia e iniciar por fin a recuperación de España”.

“España sufre ao peor goberno: a un goberno criminal que só trae ruína e morte, que só sabe de totalitarismo e arbitrariedad, nun momento crítico para España”, dixo Abascal, que cre que ante o equipo de Pedro Sánchez hai unha “indefensión” do pobo español.

Comentarios