A formación ultradereitista Vox protagonizou durante o serán de onte un mitin moi movido no Palexco da Coruña ante 300 persoas simpatizantes e unha cifra similar de concentradas ás portas do recinto protestando pola súa presenza na Galiza.
Lonxe de amilanarse polas consignas na súa contra que chegaban do exterior, Abascal converteu ás manifestantes nas protagonistas do seu discurso, cualificándoas de "chusma totalitaria" e de "fillos de Pablo Iglesias e de Beiras". Ademais, e complementando as declaracións do seu líder, na súa conta da rede social Twitter Vox ameazou sinalando que se os seus simpatizantes "non fosen violentos", non habería "policías abondo" para protexer á "turba separatista e progre".
Non quedaron aí os exabruptos dun Abascal que, entre bandeiras de España, dixo que "o nacionalismo dos bloqueiros" é "pailán e ridículo", pechando o acto reproducindo o himno español pola megafonía.
Incidentes
Finalizando o evento da formación ultradereitista vivíronse algúns momentos de tensión, logo de que algunhas das simpatizantes de Vox provocaran ás persoas concentradas mentres abandonaban o acto, producíndose unha carga policial que rematou por disolver a protesta, que transcorría pacificamente.até ese momento.