Incerteza arredor das regras fiscais da UE: as posicións "afastadas" paralizan a negociación a súa reforma

Os Estados necesitan chegar a un acordo co Parlamento Europeo.
Hemiciclo do Parlamento Europeo (Foto: Parlamento Europeo).
photo_camera Hemiciclo do Parlamento Europeo (Foto: Parlamento Europeo).

Os ministros e as ministras de Economía e Finanzas da Unión Europea (UE) recoñeceron esta terza feira posicións "afastadas" co Parlamento Europeo para a negociación da reforma das regras fiscais, que volverán limitar a débeda e o déficit públicos, aínda que con sendas de gasto específicas para cada Estado.

"As posicións son diversas e esperamos que nas próximas semanas se produzan algúns debates complexos nas negociacións, mais creo que estamos dispostos a chegar a un compromiso e non creo que poidamos volver ás antigas normas, esa non é unha opción", afirmou o ministro de Finanzas de Bélxica -Estado que ostenta a presidencia rotatoria do Consello-, Vincent Van Peteghem, na rolda de prensa posterior á reunión.

Os Estados da UE xa pactaron as medidas en decembro tras meses de negociacións, mais agora deberán acordar coa Eurocámara -unha vez que esta cuarta feira fixe a súa posición-, a forma final do texto, antes de que este poida entrar en vigor para que as regras se apliquen a partir dos orzamentos do ano 2025.

"Temos que avanzar", apremou Van Peteghem, que reclamou "claridade para os Gobernos e os mercados financeiros" a fin de coñecer canto antes "como se aplicará o novo marco", que, apuntou, é a principal preocupación dos Executivos estatais mentres a Comisión Europea valora as opcións.

Prazos axustados

Neste sentido, o vicepresidente económico da Comisión Europea, Valdis Dombrovskis, explicou que Bruxelas estuda se é factíbel empezar a aplicar este marco a partir do orzamento de 2025. "Os prazos son axustados e non podemos pospor a aplicación do novo marco un ano máis. Iso non sería o desexábel", incidiu Dombrovskis.

Comentarios