Von der Leyen advirte da "obriga" dos Estados de brindar armamento a Ucraína

Meloni e Sunak organizan unha 'axenda paralela' sobre migración.
Plenario da Comunidade Política Europea, esta quinta feira en Granada (Dario Pignatelli / CE / DPA).
photo_camera Plenario da Comunidade Política Europea, esta quinta feira en Granada (Dario Pignatelli / CE / DPA).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, advertiu aos xefes de Estado e de Goberno da Comunidade Política Europea (CPE), reunidos esta quinta feira nunha cimeira en Granada, da "obriga" dos líderes do continente de axudar Ucraína fronte ao "uso da forza de Rusia", que "ameaza a arquitectura da seguridade construída por Europa".

Pola súa parte, o presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez, ofreceu ao presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, novos sistemas antiaéreos e antidrons así como novos equipos de desminado. En concreto, o Estado español fornecerá Ucraína con outros catro lanzadores de mísiles Hawk.

A pesar das últimas gretas xurdidas en varios Estados no apoio bélico a Ucraína, Sánchez, que asume a Presidencia de quenda do Consello da Unión Europea (UE), asegurou que segue habendo unha "firme" vocación de unidade entre os líderes da UE "en contra da agresión rusa a Ucraína, que ameaza a estabilidade e a seguridade global".

Zelenski, presente na cidade andaluza, sinalou que Ucraína, estase preparando "para abrir as conversacións de adhesión [á UE]", ao tempo que a Comisión Europea redacta un informe sobre as reformas necesarias para que Kíiv poida entrar no bloque.

'Cimeira alternativa'

A primeira ministra de Italia, Giorgia Meloni, e o seu homólogo do Reino Unido, Rishi Sunak, organizaron esta quinta feira unha 'cimeira alternativa' coa participación de varios Estados sobre migración e crime organizado. Ambos os líderes avogaron por un endurecemento da política migratoria e denunciaron que o cumio desta quinta feira en Granada foi convocado por sorpresa e fóra de axenda.

Putin afirma que rematou "a era do dominio colonial"

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, declarou esta quinta feira que os Estados occidentais "perderon o sentido da realidade". Ao respecto, o mandatario ruso aconselloulles "limpar os ollos", facendo fincapé en que "a era do dominio colonial hai tempo que rematou e nunca volverá".

Comentarios