O acordo migratorio da UE vese lastrado polas concesións a Italia

O Goberno de Meloni veta a protección das ONG.
Olaf Scholz, o chanceler alemán, e Giorgia Meloni, a primeira ministra italiana (Foto: Massimo Di Vita / Europa Press / Contacto).
photo_camera Olaf Scholz, o chanceler alemán, e Giorgia Meloni, a primeira ministra italiana (Foto: Massimo Di Vita / Europa Press / Contacto).

Os Estados da Unión Europea (UE) certificaron esta cuarta feira que existe unha maioría suficiente para fixar unha posición sobre o mecanismo de crise que se antolla clave na reforma da política comunitaria de asilo e migración.

Desta forma, superaron a última traba aberta para que os Gobernos e o Parlamento Europeo poidan continuar as negociacións de cara a fechar o pacto migratorio antes de que acabe a lexislatura, en xuño de 2024.

A adopción do mandato sobre o mecanismo produciuse nunha reunión a nivel de embaixadores en Bruxelas, despois de que Alemaña e Italia resolveran o pulso que os afastaba respecto á situación das ONG que realizan tarefas de salvamento.

Italia queixábase dunha cláusula que impedía que as misións de rescate das ONG puidesen ser acusadas de instrumentalización da migración, tal e como defendía Alemaña, mais que ao final non terá obriga legal. 

A primeira ministra italiana, a ultradereitista Giorgia Meloni, dixo esta cuarta feira que se alegraba de que a "posición italiana prevalecese". Previamente, queixárase do financiamento de Alemaña a ONG que operan en territorio italiano: "Non se pode ser solidario mais nas fronteiras doutros", argumentara Meloni.

Os ministros e ministras da UE xa alcanzaran a pasada semana un acordo para marcar liñas vermellas na negociación co Parlamento tras retirar Berlín as súas reservas, mais optouse por dar máis tempo a Italia para que explicase o contido na súa coalición de Goberno para contar co apoio deste Estado.

O novo mecanismo para situación excepcionais, que obrigará os Gobernos a axudar outros Estados que se vexan desbordados pola afluencia migratoria nas súas fronteiras, dilúe na práctica o sistema de cotas obrigatorias de distribución de persoas migrantes, pois ofrece unha solidariedade á carta con distintas formas de compensación financeira para eludir a responsabilidade de acollida.

O texto final conta coa oposición de Polonia e Hungría, así como coa abstención de Austria, Eslovaquia e República Checa.

Comentarios