Venezuela, crise ou guerra?

A dereita venezolana promove un referendo revocatorio contra Nicolás Maduro. O presidente alerta dun novo Plan Cóndor en América Latina. 

Venezuela
photo_camera Imaxe das mobilizacións opositoras en Venezuela

As mobilizacións convocadas polas forzas da dereita venezolana, organizadas na Mesa de Unidade, esta cuarta feira como parte da campaña arredor da convocatoria dun referendo revocatorio contra o presidente do país, Nicolás Maduro, remataron de novo con enfrontamentos. 

O Consello Nacional Electoral puxo en dúbida a validez da petición de revocatorio porque, dixo, 190 mil sinaturas pertencían a persoas falecidas

A medida, prevista pola Constitución de Venezuela, pode ser solicitada polo 1% dos inscritos no Rexistro Electoral, isto é, por volta de 198 mil persoas. Porén, o Consello Nacional Electoral (CNE), institución encargada da supervisión do proceso, asegura que 190 mil nomes recollidos pertencen a persoas falecidas polo que puxo en dúbida a validez da petición. 

No cerne do debate sitúanse tamén os tempos que fixa a lei sobre o procedemento e que podería demorarse até xaneiro de 2017. De acordo co fixado na Constitución venezolana (artigo 233) de se producir o revocatorio nos primeiros catro anos de mandato presidencial serían convocadas novas eleccións nun período de 30 días. Porén, se ten lugar no último ano a Xefatura de estado sería asumida polo vice-presidente. 

A oposición persegue revocando a Maduro asestar "un tremento golpe político á estrutura do poder chavista" para "saír do modelo" económico bolivariano

O obxectivo perseguido pola dereita no proceso revocatorio é "asestar un tremendo golpe político á estrutura do poder chavista", defendeu o politólogo afín á Mesa de Unidade, Luís Salamanca. "Para min o tema no é se o referendo revocatorio se dá este ano ou o outro [...] é que hai un proceso político de fondo para saír do modelo chavista e mudar politicamente o país", acrecentou. 

Guerra ou crise económica?

Segundo a oposición venezolana o goberno bolivariano sumiu o país nunha "crise económica" que se reflicte no "desabastecemento" de produtos de primeira necesidade nas tendas e supermercados, xunto cunha "crise política" que evidenciaría a tensión entre o poder lexislativo, a Asemblea Nacional en mans da dereita, e a presidencia do país. 

Desde o goberno venezolano negan a crise e acusan as forzas opositoras, máis tamén as oligarquías transnacionais, de estaren a perpetrar unha "guerra económica" e de "ataque" aos "aparellos produtivos" do país. Neste senso, aseguran que no desabastecemento de produtos ten lugar un "curioso fenómeno" polo que tendas e supermercados fican sen produtos como o leite, papel hixiénico ou o arroz --cuxos prezos están regulados polo goberno desde 2013 para impedir a especulación cos seus prezos-- mais si derivados destes como iogurte, queixo ou panos de mesa de papel cuxo valor no mercado é máis elvado. 

O goberno regula desde 2013 os prezos de produtos básicos coma o leite para evitar a especulación

Desde o executivo bolivariano apuntan ademais a unha estratexia de planificada por parte das distribuidoras privadas venezolanas, principalmente Fedecámaras e Consecomercio, que representan o 70% do sector no país ás que acusan de "acaparamento" de produtos. De facto, xaneiro de 2015 as autoridades venezolanas localizaron diversos almacéns nos que se retiñan produtos que escaseaban na rúa. 

Plan Cóndor II

Para o presidente Maduro esta estratexia económica fai parte dun novo Plan Cóndor contra os gobernos latinoamericanos. Así o denunciou publicamente nunha comparecencia de imprensa desenvolvida simultaneamente --através de streaming-- nas embaixadas e consulados de Venezuela por todo o mundo. En contraste coa Operación Cóndor nas décadas dos 70 e 80 nas que foron derrocados gobernos como o de Salvador Allende através de golpes de estado militares, desta volta, estarían a desenvolverse pola vía parlamentar através de referendos revocatorios e procesos de destitución. 

Así explica o mandatario bolivariano e analistas políticos como o xornalista Miguel Jaimes, o golpe contra o presidente de Honduras, Manuel Zelaya (2009), a destitución de Fernando Lugo en Paraguai (2012) e, en última instancia, o impeachment contra Dilma Rousseff (2016)

Comentarios