O xornal británico The Economist vén de facer público un informe onde sinala que 2.500 millóns de persoas residentes en 130 Estados teñen vetado o acceso á vacina contra o coronavirus por razóns económicas. Segundo se sinala nun relatorio elaborado polo grupo de investigación do diario, “a maioría dos Estados de baixos ingresos aínda non comezaron a vacinar”.
Na mesma liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e Unicef denunciaron a pasada semana que “de 126 millóns de doses de vacinas administradas até esa data, máis das tres cuartas partes aplicáronse en tan só dez países, que representan xuntos 60% do Produto Interior Bruto (PIB) mundial. En 130 países, con 2.500 millóns de habitantes, aínda non se administrou nin unha soa dose”.
Nesta liña, o secretario xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU), António Guterres, manifestou a pasada semana, nunha sesión do Consello de Seguridade da ONU, que “75% das inmunizacións aplicadas até o momento concentráronse en tan só 10 nacións, todas elas desenvolvidas” e lembrou que “neste momento, a distribución equitativa das vacinas é o maior problema moral que enfronta a humanidade”.
“A vacinación foi até o de agora tremendamente inxusta e desigual”, aseverou Guterres, quen salientou que “se se permite que o virus se propague como a pólvora no sur global, mutará unha e outra vez”.
António Guterres reivindicou a importancia do mecanismo multilateral Covax, promovido pola ONU, que aspira a comprar 2.000 millóns de doses até fin deste ano, e beneficiar así a poboación dos países de menos ingresos.
A investigación de The Economist vincula os ritmos de vacinación aos criterios de renda. Así, sitúa finais do 2021 como data de remate dos traballos de vacinación nos Estados Unidos, Rusia e boa parte da Unión Europea, en mediados do 2022 nunha gran parte de América Latina, Canadá, e Australia, en finais dese ano na maior parte de Asia e a comezos do 2023 en case toda África, algunhas nacións asiáticas e de Oceanía, así como en varios países de América Central, Bolivia e Paraguai.
Porén, estabelece a posibilidade de adiantar os prazos na medida que aparezan novos fármacos e se acelere a produción de doses daqueles medicamentos cuxa elaboración non dependa das empresas farmacéuticas.