Londres e Dublín presionan para que se forme Goberno en Irlanda do Norte

Os primeiros ministros de Irlanda, Micheal Martin, e do Reino Unido, Boris Johnson, coincidiron na necesidade de que se forme "canto antes" un novo Goberno en Irlanda do Norte. Os movementos chegan após a vitoria do Sinn Féin.
Michelle O'Neill liderou ao Sinn Féin na vitoria electoral en Irlanda do Norte. (Foto: Niall Carson / PA Wire / dpa)
photo_camera Michelle O'Neill liderou ao Sinn Féin na vitoria electoral en Irlanda do Norte. (Foto: Niall Carson / PA Wire / dpa)

Os primeiros ministros de Irlanda, Micheal Martin, e do Reino Unido, Boris Johnson, coincidiron esta terza feira na necesidade de que se forme "canto antes" un novo Goberno en Irlanda do Norte, após gañar o Sinn Féin as eleccións.

Os dous mandatarios falaron por teléfono, nunha conversa na que trataron os recentes comicios norirlandeses e tamén aludiron ás negociacións abertas entre o Reino Unido (RU) e a Unión Europea (UE) para resolver cuestións sobre o Brexit.

Johnson mantén as súas críticas ao Protocolo de Irlanda do Norte, estabelecido para evitar unha 'fronteira dura' no borde entre as dúas partes de Irlanda. Martin avogou por "intensificar" o diálogo, pero instou ao seu homólogo do RU a "evitar calquera acción unilateral".

O primeiro ministro do RU sinalou que a situación é agora "moi grave", na medida en que considera que o actual acordo "non se sostén na súa forma actual", segundo un comunicado de Downing Street no que propuña "arranxalo".

"A Comisión da UE non deu os pasos necesarios para resolver os problemas económicos e políticos" derivados do Protocolo, a xuízo de Londres, que podería tomar algún tipo de medida. Segundo fontes citadas pola BBC, a ministra de Exteriores e principal negociadora do RU, Lizz Truss, estuda desvincular o seu Estado de certos compromisos a próxima semana.

Negociacións en Belfast

As negociacións políticas en Irlanda do Norte están pendentes de que os partidos empecen a mover ficha, xa que mentres que o Sinn Féin reivindica o seu dereito a propor como ministra principal Michelle O'Neill, o Partido Unionista Democrático (DUP) sostén que non entrará en ningunha coalición se non se resolve o tema do Protocolo.

O Protocolo foi avalado

O Tribunal de Apelacións de Irlanda do Norte sentenciou o pasado 14 de marzo que o Protocolo incluído nos acordos do Brexit para evitar unha 'fronteira dura' con Irlanda é legal, mantendo vixente por tanto un dos aspectos máis controvertidos do pacto de divorcio entre o RU e a UE. A sentenza chegou despois de que un grupo de políticos unionistas, postura que defende o DUP, recorrera a sentenza do Tribunal Superior norirlandés, que xa o avalara.

O Protocolo, que permite a Irlanda do Norte seguir no mercado único da UE e evita así un endurecemento da vixilancia na fronteira terrestre, foi pactado por Londres e Bruxelas, mais o Goberno de Boris Johnson ameazou con deixar de aplicalo unilateralmente.

Comentarios