Trump encarcera a Maduro en Nova York tras secuestralo en Venezuela nun operativo que deixou máis de 40 persoas asasinadas
Nicolás Maduro e a súa esposa, Cilia Flores, atópanse detidos desde a madrugada deste domingo 4 de xaneiro no Centro de Detención Metropolitano de Brooklyn, na cidade de Nova York.
O presidente venezolano, Nicolas Maduro, refén do Goberno estadounidense desde a mañá do sábado tres de xaneiro, foi trasladado, xunto coa súa esposa Cilia Flores, nunha aeronave do exercito estadounidense desde Caracas a Nova York.
O operativo militar desenvolvido por Estados Unidos para o secuestro de Maduro contou coa participación de 150 aeronaves que bombardearon diversos obxectivos en distintas localidades venezolanas e de equipos de comandos que asaltaron o edificio presidencial de Miraflores.
Os bombardeos estadounidenses en Venezuela deixaron ducias de mortos. As baixas foron recoñecidas nas súas comparecencias públicas do sábado tres polo presidente estadounidense Donald Trump e a vicepresidente venezolana Delcy Rodríguez, que se negou a concretar o número de persoas mortas.
"Serán sempre para nós os nosos mártires"
Rodríguez limitouse a dicir que as persoas mortas na intervención militar "serán sempre para nós os nosos mártires". Neste sentido, a prensa estadounidense, citando fontes do exército e do Executivo cifrou as vítimas mortais ascenden a máis de 40 persoas, a maior parte civís.
The New York Times informou este sábado que entre as mortas atopábase Rosa González, unha muller de 80 anos residente nun barrio popular de Caracas, e destacou que a maioría das vítimas mortais non eran membros das forzas armadas venezolanas. Na mesma liña, deu conta dos numerosos danos en edificios e infraestruturas civís.
A información avanzada nas últimas horas por fontes da Casa Branca non descartan un novo ataque do exército de Estados Unidos sobre Venezuela no caso de que o novo Goberno non cumpra coas esixencias do Executivo estadounidense, unha porta que xa abriu Trump na roda de prensa do sábado tres.
O petróleo
Trump asegurou que "imos gobernar Venezuela até que haxa unha transición segura" e destacou que as empresas enerxéticas estadounidenses faranse cargo da industria petroleira do país latinoamericano.