Trump confunde o Estado español cun membro dos Brics, a quen ameaza con aranceis de 100%

A preguntas dun xornalista nas súas primeiras horas no Despacho Oval Trump incluíu o Estado español nos Brics, liderados por Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, organización da que non fai parte.
Donald Trump no Despacho Oval da Casa Branca tras asumir o seu cargo como presidente dos Estados Unidos. (Foto: Europa Press / Contacto / Jim LoScalzo)
Donald Trump no Despacho Oval da Casa Branca tras asumir o seu cargo como presidente dos Estados Unidos. (Foto Europa Press Contacto Jim LoScalzo)

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, confundiu esta segunda feira o Estado español cun membro dos Brics, unha organización multilateral que agrupa diversas economías emerxentes, que se constituíu como un espazo internacional alternativo ao G-7 e da que non fai parte.

Tras a cerimonia de investidura, onde xurou o seu cargo para un segundo mandato, Trump dirixiuse á Casa Branca. Xa no despacho Oval, asinou as súas primeiras decisións como presidente e conversou cos xornalistas.

Ao ser preguntado polas achegas do Estado español á OTAN, entre outros países da Alianza Atlántica, inferior a 5%, o republicano asegurou que España forma parte dos Brics, un grupo liderado por Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica –fundadores aos quen debe o seu nome– e que vén de ampliar a súa nómina de membros de pleno dereito, entre os que se atopan, tamén Arabia Saudita, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Etiopía, Irán e Indonesia.

"Creo que España está moi por baixo. E, con todo, é dos Brics. [...] E, se os Brics queren facer iso, está ben, pero imos impor polo menos un arancel do cento por cento aos negocios que fagan", declarou Trump.

Comentarios