A primeira orde executiva contra a entrada nos EUA de nacionais de países de maioría musulmá atinxía sete estados. A entrada en vigor desa orde foi bloqueada polo poder xudicial estadounidense. Agora Trump refaina e disponse a emitir un novo decreto, que desta volta limita as restricións a seis países (Irán, Siria, Sudán, Nixeria, Libia, Somalia), en canto desta volta safaría o Iraque.
Por que?
Segundo a fonte consultada por Reuters, porque Bagdad tería tomado medidas de seguranza suplementares á hora de permitir a saída do país dos seus nacionais e porque Iraque está a ser un aliado dos EUA no combate contra o Daesh.
Alén do nihil obstat ás entradas de cidadás e cidadáns do Iraque, o novo decreto vaise diferenciar do primeiro en que contempla unha entrada en vigor por fases e non de forma inmediata. Destarte, a Administración Trump calcula que evitará o caos que se viviu en alfándegas e aeroportos coa posta en práctica da primeira orde executiva.
Aliás, as persoas que xa viven nos EUA e que detentan as green cards, ou autorizacións de traballo, non serán albo de ningún tipo de persecución, garantiu a fonte de Reuters.
O veto aos nacionais dos 6 países que fican en pé nesta nova orde executiva estaría en vigor -sempre e cando non sexa tombado como o decreto orixinario- durante 90 días.