O president non se presta a unha fotografía de grupo co monarca

Torra, Sánchez e Felipe VI encóntranse na inauguración do Mobile World Congress

Nunha estudada coreografía protocolaria, Quim Torra inaugurou o Mobile World Congress conxuntamente con Felipe VI e Pedro Sánchez, mais ao tempo eludiu posar co monarca ante as cámaras no estand do estado español nesta feira internacional. 

Casa Real
photo_camera Un momento da inauguración

O bloque independentista catalán considera que Felipe VI está a actuar como xuíz e parte no conflito político que confronta as institucións catalás co estado español. Nese sentido, Jordi Tardà, o portavoz de ERC no Congreso, afirmou esta segunda feira: "Felipe VI é inimigo da democracia. "El saberá por que pon en risco unha institución que, alén de estar fóra da historia, nen sequera ten pedido perdón pola súa complicidade coa ditadura", engade.

O discurso do borbón despois do referendo de 1 de outubro —no canto de se solidarizar coas vítimas das cargas policiais lanzou un alegato contra a maioría política do Parlament— e as súas recentes declaracións en pleno desenvolvimento do xuízo ao procés —ao atacar a quen antepón "unha suposta democracia" ao respeito ás leis— colocan a monarquía como mascarón de proa do unionismo.

Non é de estrañar, por tanto, os acenos de distanciamento que o soberanismo prodiga ao monarca cada vez que este aterra en Catalunya. E non só o o soberanismo, Ada Colau non participou no beixamans —cerimonia de estirpe medieval, as e os súbditos a bicar a man réxia— durante a cea inaugural da feira deste domingo.

Colau, porén, si se prestou, esta segunda feira, a posar nunha foto de grupo co monarca. A alcaldesa sae no retrato cun xesto moi serio.

Torra, con todo, non puido escapar de aparecer nunha imaxe conxunta co monarca, a que recolle o arranque de evento. Senado na fila de autoridades, o president vese moi perto de Colau, xusto a carón de Sánchez e de Felipe VI.

Comentarios